XUNTA DE GOBERNO

O Concello buscará outro emprazamento para o Centro Sociocultural do Casco Histórico

10/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local. Entre eles destacou a suspensión temporal das obras na parroquia de Angrois por cautela arqueolóxica, a prórroga do contrato do local sociocultural do casco histórico e a aprobación do texto do convenio para a xestión do servizo de comedor escolar.

A Xunta de Goberno aprobou a prórroga do contrato de aluguer do local que vén sendo utilizado como Centro Sociocultural do Casco Histórico no número 22 da rúa Santa Cristina. Prorrógase por cinco meses e medio este contrato (ata o 31 de decembro de 2015 e por importe de 953,82 euros/mes), en tanto non se atopa outro emprazamento para este local sociocultural, tal como anunciou o alcalde.

Suspensións temporais
Outro dos acordos do Goberno municipal foi a suspensión temporal das obras do campo da festa e da pista polideportiva en Angrois e do acondicionamento dunha zona de descanso de peregrinos, parque público e parque infantil nesta mesma parroquia. Esta suspensión, segundo explicou Martiño Noriega, realízase á espera de que a Dirección Xeral de Patrimonio se pronuncie sobre a afección arqueolóxica e para que así se interrompa o prazo de execución dos traballos. En calquera caso, mostrouse "optimista" sobre este tema e agarda que se poidan reiniciar as obras en breve.

Unha decisión similar, por cautela arqueolóxica, adoptouse respecto ás obras de restauración do río Sarela entre Romaño e Galeras, na súa fase II. Trátase dos traballos de limpeza, recuperación e posta en funcionamento do sistema hídrico para a consolidación do conxunto edificatorio do antigo curtidoiro de Pontepedriña de Arriba).

Servizo de comedores escolares
Tamén se deu o visto bo na Xunta de Goberno ao texto do convenio entre a Consellería de Educación e o Concello para a xestión do servizo de comedor escolar nos cursos escolares 2015-2016 e 2016-2017. A achega autonómica será de 106.000 euros (16.500 en 2015; 53.400 en 2016; e 36.900 en 2017). De todos modos, o alcalde anunciou que se encargou un estudo de custos deste servizo, ao considera que estas cantidades achegadas pola Xunta non cobren os custos reais do mesmo.

Prevención de drogodependencias
Autorizouse igualmente a solicitude dunha subvención para desenvolver un proxecto de prevención de drogodependencias e condutas aditivas á Consellería de Sanidade. O programa, que pon en marcha a Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) conta cun orzamento de 204.000 euros e a contía solicitada é do 90%.

Cese
En material de Acción Cultural, aprobouse o cese do director-xerente do Auditorio de Galicia. Mentres non se acorde un novo sistema de xestión deste organismo autónomo, será Silvia Modia quen asumirá as funcións do cesado.

Documentos relacionados



Compartir: