ACCIÓN CULTURAL

Romina Basso & Alberto Mesirca e Roberto Oliveira noutra xornada do Via Stellae

09/07/2015 A mezzosoprano Romina Basso e o guitarrista Alberto Mesirca darán un concerto dentro do Festival Via Stellae este venres 10 de xullo, a partir das 20:00 horas, na igrexa de San Fiz de Solovio. Completa o programa do día o percusionista Roberto Oliveira no Salón Teatro, ás 22:00 horas, dentro da sección Off#Stellae… improvisando!!. As entradas para os dous concertos son de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21.00 h) e, de quedar algunha invitación, dende unha hora antes do comezo dos concertos nos propios lugares de celebración dos mesmos.

Expresiva e sensible artista, con rica e fermosa voz de mezzosoprano, a italiana Romina Basso proponnos no seu recital un singular percorrido pola canción española. Acompañada ás guitarras por Alberto Mesirca, Romina Basso trasládanos dende o século XVI ata o século XX, dende os vihuelistas renacentistas (moitas veces brillantes teóricos do instrumento como Alonso Mudarra ou Luys de Narvaez), pasando pola teatralidade barroca (José Marín e Juan Hidalgo) e chegando ata as transcendentais figuras do século XX como Falla, Mompou (Alberto Mesirca intercalará entre as cancións partes da súa Suite Compostelá) ou García Lorca.

Guitarras, poesía, teatro, tradición, innovación, música. Baixo o título de Voces de Sefarad, de todo encontraremos neste ilustrativo, libre e sempre singular viaxe polo Renacemento e o Barroco, e o século XX, que nos achega unha parte moi importante da nosa historia cultural.

Kableado
Kableado é un programa de percusión, electrónica e arte visual, con altas doses de improvisación, que busca xerar un ambiente propicio para o entendemento destas novas tendencias na arte sonora e fomentar o interese por parte do público en xeral e de futuros compositores cara á música electroacústica.

Cun instrumental de percusión convencional (vibráfono, chocallos...) e non convencional (pedras, auga, madeira, metal...), Kableado reúne obras dos compositores Andrés Álvarez (Galicia), María Mendoza (Galicia), Raúl Tudón (México), Jorge Variego (Arxentina) e Diana Pérez e Reyes Oteo (Andalucía), concibindo un universo de novos sons, texturas e sensacións.

Kableado é arte sonora e novas tendencias da man de Roberto Oliveira, alquimista vangardista e audaz, centrado na interpretación de novas técnicas, recursos instrumentais renovados e aspectos escénicos inusuais, motivado polo enriquecemento e renovación do concepto e a experiencia do concerto como un todo.

Direccións relacionadas



Compartir: