ALCALDÍA

Reunión preparatoria do operativo de seguridade para o 24 e o 25 de xullo

09/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mantivo unha reunión co subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; o comisario da Policía Nacional de Santiago, Simón Sabariz; e o xefe da Policía Local, José Manuel Traba.

Segundo indicou Noriega, a xuntanza, que transcorreu nun "clima de colaboración e cordialidade", serviu para preparar o dispositivo de seguridade das Festas do Apóstolo, especialmente no relativo aos días 24 e 25 de xullo. A este respecto, o subdelegado do Goberno indicou que o operativo será similar ao de anos anteriores, cos controis e co reforzamento policial habitual nestas datas.

Acordo de organización
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o alcalde tamén aproveitou para dar conta do acordo logrado entre todos os grupos municipais en canto ao réxime de dedicacións exclusivas, persoal eventual e representación en comisións. Declarouse "satisfeito" por chegar a un "punto de encontro" que "respecta os parámetros do aforro, do código ético de Compostela Aberta e da proporcionalidade no reparto de roles entre goberno e oposición".

Compartir: