ACCIÓN CULTURAL

Os violinistas Manfredo Kraemer e Guadalupe del Moral viaxan a través de tres séculos de música no Via Stellae

08/07/2015 Os violinistas arxentinos Manfredo Kraemer e Guadalupe del Moral ofrecen este xoves un concerto dentro do Festiva Via Stellae baixo o título Tres séculos, dous continentes… en música para dous violíns. Será a partir das 20:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). A entrada é libre previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h) ou dende unha hora antes de que comece o concerto no propio Paraninfo.

Asociado sempre con música didáctica ou pasatempo de afeccionados, o repertorio de dúo para violíns, e en verdade de calquera dúo, nunca gozou da mellor reputación. Sensibles e virtuosos violinistas, recoñecidos especialistas en música antiga e barroca, os arxentinos Manfredo Kraemer e Guadalupe del Moral transcenden esta convención cun programa no que viaxamos no espazo e no tempo, entre dous continentes e durante tres séculos de música, presentando obras de compositores que non sabían escribir "música menor".

O gran mestre Couperin, tres coñecedores das posibilidades do instrumento no Barroco como o francés Leclair, o xermano Vierdanck e o italiano Guerini (todos violinistas), o comprometido amante da tradición musical do seu país Béla Bartók e os persoais achegamentos á música popular latinoamericana de Pixinguinha e Leguizamón ou o xenial Bach, son os protagonistas deste concerto.

Manfredo Kraemer
Trashumante entre Europa e América como solicitado concertista, director e docente, Manfredo Kraemer foi incluído polo BBC Music Magazine en 2004 entre os máis destacados e influentes violinistas barrocos da actualidade. A súa discografía comprende máis de 50 títulos. É titular dende 2004 da cátedra de violín barroco na Escola Superior de Música de Cataluña (Barcelona), á vez que mantén un intenso labor docente en universidades e conservatorios de Europa e América.

En 1996 fundou The Rare Fruits Council, ensemble cuxas gravacións obtiveron destacados premios internacionais. Impulsor do Festival de Música Barroca Camino de las Estancias, na provincia de Córdoba, fundou La Barroca del Suquía, unha das primeiras e máis prestixiosas orquestras con instrumentos orixinais de Arxentina. Residente en Córdoba (Arxentina), cando non está de viaxe cociña con máis paixón que excelencia, e ve medrar o bambú do seu xardín.

Guadalupe del Moral
Oriúnda de Córdoba (Arxentina), Guadalupe del Moral trasladouse en 2003 a Barcelona para realizar os seus estudos superiores de violín histórico con Manfredo Kraemer na Escola Superior de Música de Cataluña, onde se licencia cum laude en 2009. Dende entón desenvolveu unha intensa actividade e afianzado un prestixio crecente como solicitada concertista, cunha nutrida axenda de presentacións en Europa e América, actuando tamén en calidade de solista no seo de diversos grupos de cámara e orquestras como Elyma, Le Concert des Nations, The Rare Fruits Council, Café Zimmermann, Les Sibarytes, Le Concert d'Astrée, L'Ensemble Baroque de Limoges, Al Ayre Español, Il Complesso Barroco, Música Antiga Roma, Pulcinella, Les Cyclopes, La Terza Prattica, La Risonanza, Forma Antiqva, La Caravaggia, Orquesta Barroca de Sevilla, Vespres d'Arnadí, entre outros. Gravou cos selos discográficos Alia vox, Zig-Zag, Harmonia Mundi, Sony, Deutsche Gramophon, Ambronay, etc.

Direccións relacionadas



Compartir: