TURISMO

Turismo promociona a cidade por primeira vez na feira "The Meetings Show" de Londres

08/07/2015 O Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), servizo de Turismo de Santiago para a promoción da cidade como destino de Congresos, Xornadas e Incentivos, participa esta semana en The Meetings Show, feira especializada no sector congresual do mercado británico.

É a primeira vez que Turismo de Santiago participa nesta feira, que na edición do 2014 reuniu a máis de 3.000 profesionais das principais axencias especializadas na organización de congresos, xornadas e eventos. Dende a entidade municipal de promoción turística considérase un foro idóneo para presentar a oferta da cidade ao mercado británico.

O SCCB ten un mostrador propio dentro do espazo reservado aos membros do Spain Convention Bureau. Neste espazo conta tamén cunha axenda pechada de reunións con profesionais do sector, que están xa previamente interesados nas posibilidades que pode ofrecerlles Santiago.

Coa participación en The Meetings Show londinense, Turismo de Santiago continúa promocionando a cidade como destino internacional de congresos, xornadas e incentivos.

Neste ano, o SCCB xa participou en xornadas dirixidas a organizadores profesionais en Zurich, Stuttgart e Frankfurt; participou tamén en París nun workshop dirixido aos profesionais do mercado francés; e no Meetings & Incentives Summit, que tivo lugar en Madrid, pero que estaba destinado a organizadores internacionais.

O mercado británico é un mercado prioritario para o sector turístico da cidade. No ano 2014 foi o sexto mercado internacional para a cidade en número de pernoctacións, con 37.942, so por detrás de Italia, Alemaña, EEUU, Francia e Portugal. Nos últimos anos está vivindo unha importante recuperación, dobrando no ano 2014 as pernoctacións que se produciron en 2010 e 2011.

Compartir: