ALCALDÍA

Benvida aos nenos e nenas saharauís acollidos este verán por familias compostelás

08/07/2015 O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e outros membros da Corporación, recibiron en Raxoi os oito nenos e nenas saharauís que pasarán este verán en Compostela e as súas familias de acollida.

Noriega saudou a cada un dos nenos e nenas, ante os que se presentou na súa propia lingua. O acto serviulle ao alcalde para desexarlles aos rapaces unha feliz estancia en Compostela e para sumarse á reivindicación política dun Sáhara libre.

O programa Vacacións en Paz está concibido no marco de solidariedade e axuda desinteresada e co fin de proporcionar mellores vacacións aos nenos e nenas saharauís. Atende a solicitude expresada pola Delegación Saharauí para Galicia, canalizada pola Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí. Os rapaces e as rapazas que participan neste proxecto teñen entre 7 e 14 anos e proveñen dos campamentos de refuxiados saharauís da zona de Tinduf, sudoeste de Alxeria.

Grazas a esta iniciativa, trátase de ofrecer a estes nenos nacidos no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa, non só á súa formación, senón a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos e promover valores de solidariedade coa cooperación das familias composteláns.

Este tipo de visitas son moi importantes para que eles desenvolvan unha concepción do mundo máis ampla e sólida, para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal e sen prescindir da rica tradición do seu pobo. Ao mesmo tempo preténdese favorecer a relación de familias de Santiago con rapaces doutras culturas.

Os oito nenos e nenas estarán en Santiago ata o mes de setembro. O aloxamento dos pequenos realízase nas casas de familias compostelás, que se fan cargo dos gastos de alimentación, roupa e outros que se deriven da súa estadía.

A propósito deste programa, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, anunciou a intención de darlle continuidade e mesmo de amplialo. Neste sentido, referiuse á posibilidade de que profesores saharauís poidan tamén viaxar ata Santiago e de que mestres composteláns se despracen ata o Sáhara.

Compartir: