POLÍTICAS SOCIAIS E DEPORTE

Unhas 100 familias compostelás en situación de vulnerabilidade xa acceden de balde ás piscinas de Sar durante este verán

08/07/2015 As concelleiras de Políticas Sociais e de Deporte, Concha Fernández e Noa Morales, presentaron o Proxecto de Promoción do Acceso aos Recursos Municipais, co obxectivo de favorecer o acceso a determinadas instalacións ou programas municipais cando a o seu custo sexa un impedimento para determinadas familias e de mellorar a súa calidade de vida. Neste verán e coa colaboración do Multiúsos Fontes do Sar, o proxecto permite xa gozar a unhas 100 familias e a 381 persoas da piscina deste complexo durante os meses de xullo e agosto.

Tal como explicaron as concelleiras, este programa está dirixido a familias en situación de especial vulnerabilidade, con ingresos iguais ou inferiores á Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA). Son as traballadoras de Servizos Sociais as encargadas de avaliar estas familias e determinar o acceso das mesmas a este servizo. O acceso ás piscinas é o primeiro paso dun proxecto que pretende dar acceso a estas familias con dificultades a recursos municipais deportivos, socioculturais, formativos ou de lecer, entre outros, así como facilitar a participación bonificada en actividades.

A día de hoxe, unhas 100 familias e 381 persoas benefícianse deste acceso ás instalacións acuáticas de Sar, se ben segue aberta a posibilidade de sumar novas familias. De feito, Concha Fernández estimou que unhas 200 unidades familiares poderían cumprir as condicións para utilizar este servizo. A práctica totalidade ten as súas tarxetas gratuítas e só unha pequena parte abona unicamente o 20% do custo.

Programa Municipal Socioeducativo
Dende o Programa Municipal Socioeducativo dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello vénse detectando que a situación de crise vivida nos últimos anos provoca que o tempo de lecer ocupe un lugar secundario nas prioridades da familias que contan cun proxecto individualizado no devandito Programa. Isto mingua as súas posibilidades de ocio, as súas relacións socias e, en xeral, o seu desenvolvemento sociopersoal.

A isto súmase a situación de illamento e exclusión social na que se sitúan estas persoas ao non poder acceder e participar activamente de actividades e recursos de lecer e tempo libre que favorezan a súa axeitada integración e participación social.

Dende o Programa Municipal Socioeducativo valórase que o tempo de lecer é un dereito das persoas que se debe dotar de contido, xa que é un elemento favorecedor do desenvolvemento integral das persoas e, sobre todo, dos menores. A participación nestes espazos de lecer favorece non só as relacións sociais, senón que tamén é un medio de loita contra a exclusión e as situación de vulnerabilidade social. Por todo isto promóvese o Proxecto de Promoción do Acceso aos Recursos Municipais, co que se pretende facilitar o acceso a estes recursos.

Compartir: