ACCIÓN CULTURAL

Estevo Creus con Pablo Seoane, Pulsat Percussion Group e Diego Ares, novas propostas do Festival Via Stellae

03/07/2015 A programación do Via Stellae para os próximos días ofrécenos dúas posibilidades o sábado e unha o luns arredor de diferentes tipos de música. A xornada do sábado comeza ás 20:00 horas no CGAC co poeta Estevo Creus e o pianista Pablo Seoane, dentro da sección Off#Stellae… improvisando!!, e remata ás 22:00 horas na Igrexa da Universidade cunha proposta da mesma sección pero co Pulsat Percussion Group. Xa o luns poderemos escoitar a Diego Ares, un talento galego ao clave, a partir das 20:30 horas no Paraninfo da Universidade.

O Barroco trae consigo unha querencia polo imposible e unha quebra na representación. O momento cume das literaturas occidentais é tamén o inicio dunha retirada da fe na linguaxe como posibilidade de sentido. Iso, unido ao crecente peso dun tempo desacralizado e sempre en fuga, xa mero trasunto da morte, fai que o home barroco se teña a si propio por unha fantasía e o lugar que ocupa no teatro do mundo por unha rotunda ilusión. Neste marco enténdese a improvisación musical barroca. Pois sempre se improvisa non tanto dende o tempo como fóra do tempo: onde o tempo faise lugar.

Dun deses lugares ficticios ou sempre en danza fálanos a poesía de Estevo Creus: este non é o lugar no que estás agora, co vigor dunha voz que non cede ao sentido pero que non deixa de interrogar. E con ese texto en continua mudanza dialoga o piano de Pablo Seoane, respondéndolle con outros interrogantes (improvisacións: variacións dun tema fuxido), prendéndolle as cores dun tempo imposible a estes lugares nos que non estamos.

Pulsat Percussion Group
Múltiples, variadas e enriquecedoras son as fontes de inspiración do programa do emerxente conxunto de percusión portugués Pulsat. Un programa que inclúe obras que experimentan cos sons da natureza (Vespertine formations busca reproducir os movementos sincronizados das manobras aéreas de bandadas de paxaros en Texas e Forest of hands evoca o son das árbores danzando entre elas); obras con referencias a sons da tradición (portuguesa, do flamenco e, irrenunciablemente nun programa que utiliza a percusión como intercultural nexo de unión, dos ritmos africanos, latinoamericanos...); obras que encontran o seu impulso creativo na poesía ou en singulares fontes como o código morse; obras que se deixan conducir pola música electrónica, pola improvisación e tamén decididamente polo espírito libre do jazz...

Pulsat Percussion Group foi creado en marzo de 2012 en Porto co obxectivo de promover a música contemporánea, os seus compositores e a percusión. A frescura e calidade musical das interpretacións do Pulsat sorprenden o público, elevando a música contemporánea portuguesa e internacional ao máis alto nivel. Entre os compositores que forman parte do seu repertorio destacan John Cage, Steve Reich, Christopher Deane, Lukas Ligeti, Nigel Westlake, Jesus Torres, Luís Tinoco, João Pacheco, Jorge Prendas, Igor Silva, Daniel Bernardes e Paulo Perfeito.

Diego Ares
Nunha carta ao duque de Medina Sidonia o pai franciscano Antonio Soler confesou que polo seu virtuosismo chamábano "o demo vestido de frade". No mosteiro de San Lorenzo del Escorial toma os hábitos e en 1758 encontrámolo como mestre de capela, cargo que manterá ata o final da súa vida. O mosteiro non era unicamente un lugar de oración, cada outono convertíase en residencia oficial do rei e a súa corte e abría as súas portas á aristocracia e ás novas correntes intelectuais que circulaban por Europa. Na intimidade da súa cela, co seu clave, cativaba a segrares e relixiosos con sonatas e fandangos, composicións cheas de frescura e espontaneidade que representan encantadoras escenas. "Escoitemos atentos estas obras, pois encerran a poesía da natureza e a graza das xentes!", dinos Diego Ares, un talento galego ao clave.

As entradas para os tres concertos son de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h). De quedar algunha invitación, poderán retirarse unha hora antes do comezo dos concertos nos propios lugares de celebración dos mesmos.

Direccións relacionadas



Compartir: