TURISMO

As Cidades Patrimonio da Humanidade promociónanse en Praga coa exposición fotográfica "15 Xoias de España"

02/07/2015 Do 1 de xullo ao 15 de setembro, o Instituto Cervantes de Praga (República Checa) acolle a exposición fotográfica Cidades Patrimonio da Humanidade. 15 Xoias de España.

A mostra, producida polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade e que conta coa colaboración de Turespaña e do Instituto Cervantes, ofrece, a través dun percorrido por 60 fotografías, unha suxestiva visión dos cantos, edificios e lugares máis significativos das 15 cidades incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda. Esta exposición púidose ver anteriormente nos Institutos Cervantes de Lyon (Francia), Utrecht (Países Baixos) e Viena (Austria) e no Concello de Bolonia (Italia).

Este proxecto enmárcase dentro do convenio de colaboración que o pasado mes de maio asinaron en Alcalá de Henares o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade e o Instituto Cervantes para a promoción conxunta do patrimonio cultural das 15 cidades no exterior, a través da rede de centros culturais do Instituto.

A exposición servirá de promoción ás Cidades Patrimonio durante todo o verán grazas á privilexiada situación do Instituto Cervantes no corazón da capital checa, ao poder ser visitada tanto polos habitantes de Praga coma polos numerosos turistas que recibe nestas datas a capital da República Checa.

Como complemento a esta promoción das Cidades Patrimonio, o Grupo, xunto á Oficina Española de Turismo de Viena (da que depende o mercado checo), organizará na sede do Instituto Cervantes de Praga a mediados do mes de setembro unha presentación da oferta turística e cultural das 15 cidades, dirixida a turoperadores e prensa especializada da República Checa.

República Checa
Segundo os datos de Frontur, en 2014, España recibiu preto de 300.000 turistas checos, con viaxes na súa maioría a Canarias e Andalucía, e en menor medida a Madrid e Barcelona. España mantívose entre os destinos mediterráneos máis visitados polos checos, ocupando o quinto lugar tras Croacia, Italia, Grecia e Turquía. Os turoperadores checos empezaron a diversificar a súa oferta de maneira que, ademais das costas, nos catálogos aparecen produtos de luxo e destinos de interior, hoteis de alta categoría, e circuítos culturais e especializados en viño, gastronomía, agricultura ecolóxica, sendeirismo e cicloturismo, que son un produto de interese crecente entre os checos para grupos de incentivos.

Compartir: