ACCIÓN CULTURAL

Concertos da Real Filharmonía de Galicia e de Manuel Vilas noutra xornada do Via Stellae

02/07/2015 Ás ordes do seu director asociado Maximino Zumalave, a Real Filharmonía de Galicia non falta á súa cita co Festival Via Stellae para presentar, se o tempo o permite, nun dos máis fermosos patios do Hostal dos Reis Católicos, o de San Xoán, as tres últimas e máis célebres sinfonías de Mozart, tres obras dunha expresividade, dramatismo e densidade nunca alcanzados ata entón a pesar de ser escritas nun dos momentos máis duros da vida do compositor. Será este venres ás 20:00 horas. A xornada complétase ás 22:30 horas na Igrexa da Universidade co concerto do arpista Manuel Vilas, que presenta o programa A arpa de Mateo. Improvisacións á arpa para o Pórtico da Gloria dentro da sección Off#Stellae…improvisando!!.

A orquestra interpretará as tres últimas sinfonías do compositor austríaco Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791). Trátase da Sinfonía nº 39, a Sinfonía nº 40 e a Sinfonía nº 41, coñecida como "Xúpiter".

Mozart compuxo 41 sinfonías ao longo de toda a súa traxectoria musical e as tres últimas son as máis célebres e as de maior calidade artística. Escribiunas de xeito consecutivo nunhas poucas semanas do verán de 1788 e algúns considéranas como un atrevido tríptico sinfónico. Clasificadas dentro da época vienesa do compositor, son verdadeiras obras mestras do clasicismo formal da época.

A Real Filharmonía de Galicia acode así á súa fiel cita co Festival Via Stellae, presentando estas tres obras que conteñen unha expresividade, un dramatismo e unha densidade nunca alcanzados ata entón, a pesar de seren escritas nun dos momentos máis duros da vida do compositor.

Manuel Vilas
O recital do arpista compostelán Manuel Vilas desenvólvese a través de melodías de antigos modos co total protagonismo da arpa medieval; arpa, neste caso, reproducida a partir das dúas arpas representadas no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Esquézasenos o tradicional concerto cun programa de man, xa que aquí soarán entrelazadas as melodías e xiros de todo un repertorio tan amplo como fascinante: dende as Cantigas de Alonso X ata ás cancións de trobadores, das aleluias do rito gregoriano ás cancións dos minnesinger, da polifonía de San Marcial de Limoges ás obras de Hildegard Von Bingen, dos Carmina Burana aos himnos do rito ambrosiano... Simplemente deixémonos levar por tan elocuentes sonoridades a través das 19 cordas dun dos instrumentos máis importantes da Idade Media.

Entradas
As entradas para ambos concertos son de balde pero previa retirada de invitacións. Poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h) e, de quedar algunha invitación, unha hora antes do comezo dos concertos poderán retirarse nos propios lugares de celebración dos mesmos. En caso de choiva, o concerto da Real Filharmonía de Galicia trasladaríase ao Teatro Principal.

Direccións relacionadas



Compartir: