CULTURA

Dezanove concertos na décima edición do Via Stellae, que inaugura este luns Uri Caine

26/06/2015 Este luns 29 de xuño inaugúrase a 10ª edición do Via Stellae cun concerto do pianista Uri Caine enmarcado dentro da sección Off#Stellae. Caine improvisa e así descobre, comenta, ensina e involucra ao público neste concerto que comezará ás 20:30 horas no Teatro Principal e que nos ofrece a súa visión persoal da música de Scarlatti, Mozart, Verdi ou Beethoven. Tras el, teremos 18 concertos máis ata o 15 de xullo en espazos singulares da cidade.

Organizado e promovido polo Concello de Santiago e pola Xunta de Galicia, o Via Stellae volverá encher de música Santiago de Compostela, o seu casco histórico, durante máis de dúas semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas e capelas de San Fiz de Solovio, Universidade, Orde Terceira e San Domingos de Bonaval e localizacións singulares como o CGAC, o Hostal dos Reis Católicos e o Paraninfo da Universidade, son os variados escenarios do festival. Sen dúbida, unha das calidades máis sobresaíntes do Via Stellae é a recoñecida categoría dos intérpretes que enchen un atractivo cartel de 19 concertos no que os músicos e artistas galegos contan cunha imprescindible e merecida presenza.

O concerto inaugural deste luns contará co pianista Uri Caine, que improvisa e así descobre, comenta, ensina e involucra ao público en cada un dos seus concertos arredor de todo o mundo. O seu xenio mostrounos así un camiño de apertura na interpretación, elasticidade inherente ao jazz, pero tamén un reflexo da historia persoal dun músico e da súa visión da música, mesmo con improvisacións sobre Scarlatti, Mozart, Verdi, Beethoven.

Uri Caine quixo reservarse o dereito de dicirnos que vai tocar neste concerto: a nós correspóndenos descubrilo. É este un agasallo, inesperado e único. Temos a oportunidade de saír das expectativas, de abandonar caixas de definición ríxidas e de gozar inocentemente do xogo da improvisación. Caine ofrécenos a ilusión de descubrir e de recoñecer no momento en que se toca a harmonía que o músico traballa, e a liberdade de gozala sen "aprioris". Uri Caine fainos con este xesto partícipes da súa propia paixón e invítanos a xogar tamén e a gozar sen límites.

Uri Caine
Nacido en Filadelfia, estudou piano con Bernard Peiffer e composición musical con George Rochberg e George Crumb na Universidade de Pennsylvania. Traballou con grupos liderados por Philly Joe Jones, Hank Mobley, Johnny Coles, Mickey Roker, Odean Pope, Jymmie Merritt, Bootsie Barnes e Grover Washington. Dende o seu traslado a Nova York, publicou máis de 20 discos como director do seu propio grupo. Gravou compactos xunto co seu trío de jazz, Bedrock Trio, así como co seu grupo con arranxos de Mahler, Wagner, Beethoven, Bach e Schumann. Recibiu encargos da Vienna Volksoper, Seattle Chamber Players, Relache, Beaux Arts Trio, Basel Chamber Orchestra, Concerto Koln e da American Composers Orchestra. Foi director musical da Bienal de Venecia en 2003. Presentou a súa versión das Variacións Diabelli acompañado por orquestras como a Cleveland Orchestra, Orquestra de Cámara de Moscova, Orquestra da BBC e Orquestra de Cámara Sueca.

Entre 2006 e 2009 foi compositor residente da Orquestra de Cámara de Os Ánxeles, coa que estrea o seu Concerto para dous pianos e orquestra de cámara con Jeffrey Kahane como director (2006). En 2009 foi nomeado para un premio Grammy polo seu The Othello Syndrome.

Durante os últimos anos, Uri Caine colaborou cos conxuntos de Don Byron, Dave Douglas, John Zorn, Terry Gibbs e Buddy DeFranco, Clark Terry, Rashid Ali, Arto Lindsay, Sam Rivers e Barry Altschul, Woody Herman Bad, Annie Ross, Enja Band, Global Theory e Master Musicians of Jajouka. Recibiu patrocinios do Pennsylvania Council on the Arts, The National Endowment for the Arts e da Fundación Pew.

Actuou nos máis importantes festivais de jazz, incluíndo North Sea Jazz Festival, Montreal Jazz Festival, Monterrey Jazz Festival, JVC Festival, Festival de Jazz de San Sebastian ou Newport Jazz Festival, así como en festivais e teatros de música clásica como o Festival de Salzburgo, Ópera de Múnic, Festival de Holanda, Festival de Israel, Lincoln Center, etc.

Entradas
A entrada para catorce dos dezanove concertos será de balde, previa retirada de invitacións no despacho do billetes do Teatro Principal, que están a disposición do público (cun máximo de 2 entradas por persoa e concerto) dende o 11 de xuño. Se quedaran entradas o día do concerto poderán retirarse no propio recinto do mesmo dende unha hora antes de que comece.

Os cinco concertos de pago (Uri Caine, Rinaldo/Ars Atlántica, Ímpetus, Al Ayre Español e Fuoco e Cenere) teñen un prezo cada un de 6 euros e pode adquirirse un abono para os cinco por 20 euros. As entradas poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto todos os días de 18:00 a 21:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: