CENTROS SOCIOCULTURAIS

Festa no LSC da Gracia para os nenos e nenas usuarios dos centros socioculturais

26/06/2015 O programa Vive o verán preparou un ano máis unha festa de encontro e convivencia para os rapaces e rapazas de 5 a 14 anos dos centros socioculturais. Será este sábado, a partir das 11:30 horas, cando un autobús pase a recoller os rapaces polos diferentes centros para levalos primeiro ata o CSC de Santa Marta e logo ao LSC da Gracia.

Rapaces usuarios dos diferentes centros socioculturais de barrios e parroquias de Santiago xuntaranse este sábado para gozar dunha xornada na que non faltará o teatro, os xogos populares, unha xincana e a auga para unha festa de escuma. Esta última actividade é posible grazas á colaboración dos Bombeiros de Santiago, que ademais amosarán aos nenos e nenas un dos seus camións.

A actividade ás 11:30 horas coa saída dos nenos cara ao CSC de Santa Mar Marta onde gozarán a partir das 12:30 horas dunha representación de teatro infantil a cargo dos rapaces do club de teatro deste centro.

Ás 13.20 horas sairán cara o Local Sociocultural da Gracia para pasar o resto do día. O xantar está previsto ás 14:00 horas e, xa pola tarde, de 16:00 a 19:30 horas, os rapaces gozarán das actividades programadas na compaña dos monitores especialistas dos centros socioculturais.

Nesta festa intercentros participarán este ano arredor de 80 rapaces, inscritos xa dende hai semanas. A actividade é de balde, pero os rapaces teñen que levar a comida e a merenda. O Concello faise cargo do traslado (ida e volta) dos nenos en autobús ata as instalacións dende os distintos puntos da cidade.

Compartir: