REFUXIO DE ANIMAIS

O Refuxio de Bando organiza este sábado a sexta edición do "Minicanmiño"

26/06/2015 Por sexta vez, voluntarios e padriños, cun grupo de 19 cans residentes na Fundación Refuxio de Animais realizarán o seu particular "Minicanmiño". Será este sábado 27 de xuño cando o grupo faga o percorrido dende o Refuxio ata a praza do Toural, onde estará instalado un posto informativo dende las 10:00 ás 21:00 horas. Con esta iniciativa quérese fomentar a adopción de animais do centro, así como convidar a cidadanía a coñecer o traballo que se realiza na Fundación e as distintas formas de colaboración.

Grazas a esta iniciativa, que se iniciou no ano 2010 con motivo do Ano Xubilar, non só se promociona a adopción dos máis de 450 animais que residen no Refuxio, senón que se informa da multitude de formas que hai de colaborar, pois sempre hai algunha maneira de axudalos.

Así, de 10:00 a 21:00 horas, haberá un posto informativo na praza do Toural, onde se informará sobre estas formas de axuda: voluntariado, socios, padriños, colaboradores… Tamén se venderá material do centro para recadar fondos.

Dende o Refuxio de Animais agardan que o clima acompañe, pois a experiencia doutros anos indica que a cidadanía é moi receptiva a estas iniciativas. Ademais, confían en que moitos dos "perregrinos" rematen a súa camiñada no fogar que tanto necesitan.

Compartir: