IGUALDADE

O Concello izou a bandeira multicolor

26/06/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e outros membros da Corporación, recibiron en Raxoi os representantes da Asociación Ultreia LGTBI. Posteriormente, baixaron á praza do Obradoiro para observar o izado da bandeira multicolor no Pazo de Raxoi con motivo da celebración o 28 de xuño do Día do Orgullo LGTBI. Alí tamén, o rexedor leu unha declaración institucional aprobada por unanimidade por todos os grupos municipais.

Co izado da bandeira e co manifesto, o Concello de Santiago súmase e mostra o seu apoio a "esta loita contra a discriminación por causa de orientación sexual, apostando pola igualdade de trato e a Igualdade ante a lei das persoas. A dignidade de cada persoa humana constitúe un dereito universal, recoñecido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos da ONU, e que debemos defender".

Segundo indica a declaración lida por Martiño Noriega, "a institución municipal compostelá quere amosar o seu compromiso coas políticas de igualdade e traballará a favor das mesmas, rexeitando todos os actos de homofobia que se poidan producir ou que xeren discriminación contra as persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais. O Concello, dixo, "entende que é imprescindible que os poderes públicos e a sociedade en xeral loiten contra este tipo de discriminacións, establecendo mecanismos favorables á igualdade de trato e impulsando a consolidación e recoñecemento da plena igualdade de dereitos".

Finalmente, o manifesto reafirma "o compromiso de traballar naquelas medidas que favorezan a igualdade de oportunidades en todos os ámbitos e para todas as persoas independentemente da súa orientación sexual, contribuíndo ao desenvolvemento e aplicación das medidas previstas na lexislación vixente, contra calquera tipo de discriminación por orientación sexual, identidade de xénero ou diversidade familiar". É por todo isto que, con motivo da celebración do Día do Orgullo LGTBI, "queremos axuntar esforzos por lograr que a igualdade de trato sexa efectiva, e que esta loita non só sexa do colectivo LGTBI, senón do conxunto da sociedade", conclúe a declaración.

Documentos relacionados



Compartir: