CONSORCIO

Unhas 6.000 persoas xa visitaron na Casa do Cabido a mostra conmemorativa dos 125 anos da Escola de Arte e Deseño Mestre Mateo

25/06/2015 A Casa do Cabido, na praza das Praterías, acolle dende finais de febreiro a exposición CENTO25 sinerxias creativas, que conmemora os 125 anos da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, con sede en Santiago. A mostra creárona os alumnos da especialidade de Arquitectura Efémera do centro como un proxecto dos seus estudos.

A exposición reúne pezas e material antigo, xunto cunha selección de obras realizadas polos alumnos da escola nas diferentes especialidades ao longo destes anos. Así, poden contemplarse esculturas feitas en materiais diversos, pezas repuxadas, estilismos de moda, xoias, fotografías, vídeos, instalacións de arquitectura efémera e unha variedade de produtos deseñados polos alumnos.

Unhas 6.000 persoas levan visitado a mostra durante estes catro meses. Este domingo, 28 de xuño, é o último día para achegarse á exposición. Poderá visitarse ata o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e o domingo de 11:00 a 14:00 horas.

Entre as pezas máis antigas atópase un torso de finais do século I antes de Cristo, achado no centro de Mérida. Tamén se mostran esculturas das antigas Grecia e Roma.

No eido da moda preséntanse looks completos de varias alumnas. No caso dos deseños de produtos realizados por estudantes destaca unha vaixela feita en colaboración con Sargadelos, unhas cadeiras, un foguete pensado como parte do mobiliario dun parque infantil e unha lámpada-xirafa. Tamén se mostra unha serie de esculturas realizadas en materiais diversos, en particular ferro, cerámica, madeira e mármore.

Por outro lado, pódense admirar traballos fotográficos e audiovisuais, ademais dunha selección de pezas de xoiería creadas por alumnos do centro. A mostra complétase cunha instalación de arquitectura efémera, xunto con traballos de exposicións e stands dos estudantes desta especialidade.

Compartir: