ALCALDÍA

Continúa o diálogo entre os grupos municipais cara ao pleno de constitución

25/06/2015 O alcalde compostelán, Martiño Noriega, expresou a vontade do Goberno municipal de convocar o pleno de constitución para finais da semana vindeira. Así o anunciou tras a segunda xunta de voceiros, na que se volveu tratar o réxime dedicacións exclusivas, persoal eventual e remuneracións, así como a representación en comisión informativas e organismos municipais.

Se ben aínda non se chegou a un acordo, Noriega reiterou a "vontade de diálogo" do grupo do Goberno, coa única "liña vermella" do código ético de Compostela Aberta, que aposta pola racionalización da Administración neste eido. "Avanzouse, pero aínda non se chegou a un punto de encontro", explicou o alcalde.

As propostas e contrapropostas volverán a abordarse noutra xunta de voceiros o vindeiro luns. En calquera caso, indicou que a intención é convocar o pleno de constitución para finais da próxima semana.

Sobre a representación nos diferentes organismos municipais e supramunicipais, coma o Consorcio de Santiago, Noriega reiterou a intención de que "todo o mundo estea representado", incluso recorrendo a "convites" nos casos en que regulamentariamente non sexa posible una representación completa.

Ademais do alcalde, participaron tamén nesta segunda reunión os voceiros de Compostela Aberta, Marta Lois; do PP, Agustín Hernández; do PSdeG-PSOE, Francisco Reyes; e do BNG, Rubén Cela.

Compartir: