ALCALDÍA

Compromiso de Fomento para iniciar este luns as obras do paso inferior de Conxo

23/06/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, anunciou que as obras do paso inferior de Conxo comezarán o vindeiro luns e que a partir do mércores xa haberá maquinaria pesada traballando na zona. Este é, cando menos, o compromiso manifestado polo director da obra, en representación do Ministerio de Fomento, na reunión mantida esta mañá, na que tamén participaron os concelleiros de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, e de Convivencia, Xan Duro.

Segundo explicou Noriega, o representante do Ministerio, que non entrou a explicar as causas do retraso da obra, asegurou que están resoltos os problemas existentes e que a obra comezará finalmente. O rexedor, que afirmou intuír que estes problemas se debían a algunha diverxencia coa contrata, quere ser "optimista" respecto a este compromiso, que obrigará a modificacións na disposición de carrís e en materia de mobilidade a partir da vindeira semana.

A situación da maquinaria pesada para traballar nos muros de pantalla na marxe dereita da estrada, en sentido entrada da cidade, obrigará a cortar os dous carrís deste lado, quedando habilitado un carril en cada sentido do outro lado, dende a glorieta de Conxo en dirección Pontevedra. Durante os vindeiros días procederase á sinalización e pintado da nova disposición de carrís.

Noriega insistiu na necesidade de "non xerar máis frustración" entre veciños e comerciantes de Conxo e garantiu que se lles manterá informados sobre as novidades. Neste sentido, reiterou que non comprendía como ata agora non se estableceran canles de diálogo con eles

Compartir: