DEPORTE

Santiago acolle do 24 ao 27 de xuño o II Jamboree Nacional de Clubs de Minibasket

23/06/2015 O Pavillón do Restollal acolle do 24 ao 27 de xuño o II Jamboree Nacional de Clubs de Minibasket. A concelleira de Deporte, Noa Morales, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, ofreceron en rolda de prensa os detalles deste evento, que reúne 24 equipos (12 masculinos e 12 femininos) e unhas 360 persoas.

O Concello de Santiago e a Federación Galega de Baloncesto organizan esta II Jamboree Nacional de Clubs de Minibasket, cuxo obxectivo é a promoción do baloncesto de base. É a segunda edición deste evento (a primeira tamén fora en Compostela), que reúne os campións e os mellores equipos da categoría minibasket (11 anos) de varias federacións autonómicas de baloncesto.

Entendido coma un campionato nacional de carácter oficioso nesta categoría, o calendario ofrece catro días de competición, en quedas de mañá e de tarde durante as tres primeiras xornadas, e de mañá o sábado 27, cando se celebrarán as diferentes finais.

A cidade estará representada a través dos clubs ADM Peleteiro, Rosalía Fedesa e Pío XII Fedesa. Xunto a eles estarán nove clubs galegos máis e outros procedentes de Asturias, Navarra, Castela e León, Cantabria e Melilla.

Direccións relacionadas



Compartir: