DEPORTE

Todo listo para a celebración da Gladiator Race este sábado no Monte do Gozo

23/06/2015 A concelleira de Deporte, Noa Morales, participou na presentación da Gladiator Race, carreira de obstáculos que se celebrará este sábado 27 de xuño no Monte do Gozo. A proba contará con máis de 1.800 participantes.

O Monte do Gozo, punto de partida do tramo urbano do Camiño que conduce aos peregrinos ata o Obradoiro, converterase o 27 de xuño, a partir das 16:30 horas, no escenario da proba deportiva máis espectacular do verán en Galicia. Todo aquel que senta con alma de gladiador e estea disposto a gozar dunha experiencia inesquecible, atopará nesta cita a resposta aos seus desexos de descarga de adrenalina. Nun mesmo evento combinaranse o deporte, a emoción, a competitividade, a aventura e, sobre todo, grandes doses de diversión.

Os participantes deberán superar un circuíto de 9 quilómetros, no que se mesturarán a práctica do trail running coa superación de 26 obstáculos naturais e artificiais. A saída realizarase de forma graduada. Dende as 16:30 h, cada 15 minutos, iniciará o desafío unha quenda de 150 persoas aproximadamente, tomando como referencia para iso, a orde de inscrición. Para poder participar é necesario ter cumprida a maioría de idade o día de celebración da proba.

A Gladiator Race non só é deporte, é unha experiencia única que se poderá vivir de forma individual ou en equipo. Para optar pola participación en grupo, é necesario crear un equipo mixto de polo menos 5 persoas. Os integrantes do mesmo manterán as súas marcas persoais para a clasificación individual, obténdose a clasificación do grupo mediante a suma dos tempos de cada membro, a condición de que, polo menos, 5 dos seus compoñentes terminen a carreira.

Participar de forma conxunta, unha modalidade pola que optaron máis de 30 equipos, ofrecerá a vantaxe de ter un compañeiro que axude a superar os obstáculos: arrastrarse polo barro, rubir por ramplas de madeira, subir por montañas de pneumáticos e moitas máis sorpresas e retos que os gladiadores irán descubrindo antes de alcanzar a meta. Todos os participantes recibirán unha camiseta, unha medalla finisher -que acredita terminar a proba- e, por suposto, o avituallamento líquido e sólido durante a competición.

A Gladiator Race é máis que deporte. Djs, grupos de animación, unha afección envorcada e unha espectacular festa final no Fogar do Santiso, complementarán un evento que nace coa intención de converterse nun clásico do verán en Galicia e referencia das carreiras de obstáculos celebradas en España.

Ademais da concelleira de Deporte, participaron na rolda de prensa o ex ciclista profesional Serafín Martínez, presidente de AD Top Ten Sports e promotor da Gladiator Race; o actor e humorista Marcos Pereiro, o físico catedrático de Electromagnetismo na USC Jorge Mira e o humorista Carlos Tresandi, os tres participantes na proba; Antonio Quinteiro, responsable de Compostela Concesionario-KÍA; Román Roo, delegado en Santiago de Gadis; Lina Portela, responsable de Marketing de Aguas de Mondariz; e David Fernández-Alvariño, responsable en España de TNT Energy Drink.

Direccións relacionadas



Compartir: