ALCALDÍA

Primeira xunta de voceiros municipais para preparar o pleno de constitución

22/06/2015 O salón verde de Raxoi acolleu a primeira xunta de voceiros da nova Corporación, presidida polo alcalde compostelán, Martiño Noriega. Participaron tamén os voceiros de Compostela Aberta, Marta Lois; do PP, Agustín Hernández; do PSdeG-PSOE, Francisco Reyes; e do BNG, Rubén Cela.

Esta foi a primeira xunta de voceiros cara a preparación do pleno de constitución e nela tratáronse cuestións como o número de dedicacións exclusivas e persoal eventual ou a representación nas diferentes comisións e organismos municipais. Segundo explicou o alcalde, Martiño Noriega, trasladóuselles aos outros tres grupos municipais a proposta inicial do grupo do Goberno e quedaron emprazados a unha nova xuntanza o vindeiro xoves.

O rexedor cualificou de "positiva" a reunión e reiterou a vontade de chegar a acordos e de "dilatar o menos posible o pleno de constitución". Sobre a proposta inicial en materia de dedicacións exclusivas e persoal eventual realizada polo Goberno, só indicou que se atén "ao código ético de Compostela Aberta" e á filosofía de "racionalizar a administración". En calquera caso, afirmou que "hai marxes" para o acordo, ao igual que no caso das representacións nos organismos municipais. Neste caso, afirmou a intención de que "estean recollidas as diferentes sensibilidades".

Compartir: