MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

Os barrios e parroquias de Compostela celebrarán o San Xoán con máis de 300 cacharelas e sardiñadas

22/06/2015 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xa Duro, deu conta das 59 cacharelas e sardiñadas públicas autorizadas para celebrar o San Xoán. Ademais, nos diferentes barrios e parroquias celebraranse máis de 300 cacharelas privadas. Da boa marcha desta noite do 23 de xuño encargarase un operativo de seguridade integrado por 50 persoas.

Do total de 59 autorizacións para celebracións públicas, 13 son de cacharelas, 29 de cacharelas-sardiñadas e 17 sardiñadas. A maioría celébrase na noite do 23 de xuño, pero nalgúns barrios optan por celebrar as sardiñadas noutras datas. A estas fogueiras e sardiñadas públicas hai que sumar as privadas, para as que só era precisa unha comunicación previa, que superarán as 300. Como en cada edición, non faltarán as festas na maior parte dos barrios e parroquias da cidade.

Para asegurar a boa marcha da noite e o cumprimento das normas de seguridade, traballarán 23 efectivos da Policía Local e 18 do Servizo de Extinción de Incendios, apoiados por oito efectivos máis de Protección Civil. Ademais, tamén se reforzará nesta xornada o servizo de limpeza.

Normas de seguridade
Xan Duro fixo un chamamento á responsabilidade da cidadanía á hora de cumprir as normas de seguridade e de limpeza posterior. Así, na zona urbana, as cacharelas non poderán superar os 3 metros de perímetro nin o metro de altura, mentres que no rural poderán alcanzar ata 6 metros de perímetro e 3 de altura, cunha separación cos edificios, árbores e mobiliario de 12 metros, agás no ámbito urbano.

A normativa advirte tamén da precaución pola proximidade de redes de enerxía e materiais inflamables, así como da prohibición de queimar produtos derivados do petróleo, aerosois ou calquera outro que desprenda fume tóxico.

No caso de situar as cacharelas en lugares públicos enlousados, será preciso protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

Está expresamente prohibida a celebración de cacharelas nalgúns puntos de grande importancia patrimonial como as prazas do Obradoiro, Quintana, Toural, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, Irmán Gómez e Santo Agostiño.

A hora límite para a celebración será as 3:30 horas da madrugada, tal que como establece a normativa da Xunta de Galicia no relaivo a festas e romarías populares. Así mesmo, deberase cumprir a normativa para a prevención do consumo de alcohol a menores de idade e, ao remate, os responsables das cacharelas deberán limpar o espazo autorizado e coidar que as cinzas queden totalmente apagadas.

Nestas celebracións é importante lembrar o número dos Bombeiros (080 ou 981 542 444) e da Policía Local (981 542 323).

Compartir: