ALCALDÍA

Mariño Noriega expresa a solidariedade do Concello de Santiago coa saharauí Takbar Haddi na súa demanda da verdade sobre a morte e o paradeiro do seu fillo

22/06/2015 A presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), Maite Isla, e o activista Hassanna Aalia, deron a coñecer aos medios de comunicación o caso da nai saharauí Takbar Haddi, en folga de fame para reclamar o corpo do seu fillo. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, achegouse a saudar os membros de SOGAPS e ao activista, que estará na praza do Obradoiro ata as 10:00 horas do martes para facer visible a protesta.

Noriega amosou, en nome do Concello, "a solidariedade cunha loita que consideramos xusta", outorgando "un espazo de voz fronte a quen pelexa por instalar a desmemoria". O alcalde expresou o seu respecto ao traballo de SOGAPS e o seu apoio á "xente que está por cambiar as cousas".

Takbar Haddi é unha muller saharauí de 42 anos, afincada dende hai dez anos en Tenerife tras abandonar o Sáhara Occidental pola situación de inestabilidade política e persecución neste territorio. Dende o 15 de maio, mantén unha folga de fame indefinida fronte ao Consulado de Marrocos en Las Palmas de Gran Canaria reclamando a devolución do corpo do seu fillo Mohamed Lamin Haidala, falecido o 8 de febreiro, co fin de darlle sepultura e de reclamar o seu dereito a coñecer a verdade sobre as circunstancias da súa morte, a evolución e resultados dunha investigación independente, e o lugar onde se atopa o seu cadáver.

Mohamed Lamin Haiadala, coñeceido activista en defensa do dereito á autodeterminación do Pobo Saharauí, resultou ferido de gravidade o 31 de xaneiro, presuntamente agredido por colonos marroquís en Aaiún, capital do Sáhara Occidental, actualmente baixo administración de Marrocos tras o abandono de España do territorio. Sen recibir asistencia sanitaria e tras deambular por diferentes hospitais, faleceu o 8 de febreiro aos 21 anos de idade.

Segundo o testemuño de Takbar Haddi, cando se desprazou ata o Sáhara para reclamar o corpo do seu fillo, as autoridades marroquís negáronlle o acceso e esixíronlle que asinase previamente a partida de defunción. Conforme á súa declaración, as autoridades marroquís ofrecéronlle 90.000 euros a cambio de silencio. Dende entón, segundo denuncia ela mesma, a casa familiar do Aaiún atópase vixiada constantemente pola policía de ocupación marroquí e os familiares sufriron agresións e ameazas.

Pronunciamento do Goberno español
SOGAPS é unha organización en Galicia de apoio ao Pobo Saharauí, pertencente a CEAS-Sáhara, organización que defende os dereitos humanos da poboación saharauí e reclama protección para os defensores destes dereitos no Sáhara Occidental.

SOGAPS demanda ao Goberno español que interceda fronte ás autoridades marroquís para que se abra unha investigación independente sobre este crime, co fin de xulgar aos seus responsables. Tamén lle solicita a esixencia da exhumación e autopsia do cadáver de Mohamed Lamin Haidala e a entrega dos restos mortais á familia. Finalmente, reclámase do Goberno español un pronunciamento sobre este caso, abandonando o silencio mantido ata o momento

Compartir: