EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O I Encontro de Escolas e Agrupacións Municipais de Música reunirá máis de 200 músicos nas prazas compostelás

19/06/2015 A Concellería de Educación e Cidadanía e a Rede de Escolas de Música de Compostela súmanse un ano máis á celebración do Día Europeo da Música, que se celebra o domingo 21 de xuño. Nesta ocasión, varias prazas da cidade acollerán ao longo do sábado 20 o I Encontro de Escolas e Agrupacións Municipais de Música, con diversas actuacións nas que participarán máis de 200 músicos.

Este Encontro foi presentado en rolda de prensa polo concelleiro de Educación e Cidadanía, Manolo Dios, quen anunciou a intención do seu Departamento, cara o vindeiro ano, de reunir todas as escolas de música de Galicia e de crear unha programación conxunta de todas elas a nivel galego. Na comparecencia estivo acompañado polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez; o concelleiro de Ocio, Mercados e Feiras de Lalín, José Cruz; e o responsable técnico das Escolas Municipais de Música de Vigo, Ignacio Ojea. Xunto a eles participaron representantes das formacións musicais que tocarán nesta xornada.

O I Encontro de Escolas e Agrupacións Musicais de Música contará coa participación de diferentes agrupacións da Escola Municipal de Música de Santiago, da Banda Sinfónica da Escola Municipal de Música de Vigo, da Escola Municipal de San Cruz de Rivadulla (Vedra) e da Banda Xuvenil de Lalín. Será unha nova oportunidade para estreitar a relación entre os máis de 200 músicos participantes de diferentes idades e para promover a música fóra os recintos habituais.

As prazas do Toural, de Cervantes e das Praterías acollerán os diferentes concertos, o primeiro dos cales será ás 12:45 horas. A xornada rematará ás 20:30 horas cun acto final no que participarán todas as agrupacións, que interpretarán xuntas o Himno da Alegría. Está prevista a asistencia do alcalde, Martiño Noriega, e doutros representantes dos catro concellos implicados nesta iniciativa. A cerimonia contará tamén cunha solta de pombas a cargo do Club Colombófilo "Alas Compostelanas".

Día Europeo da Música
O Día Europeo da Música é unha iniciativa do Ministerio de Cultura Francés, que estableceu que cada ano, coincidindo co primeiro día do verán e o máis longo do ano, se celebrara a Festa da Música. Un evento no que músicos de todo tipo (profesionais, afeccionados, estudantes) toman as rúas das súas cidades e utilizan espazos pouco habituais para a expresión musical: estacións, museos, parques, edificios públicos, entre outros.

Por outro lado, a festa serve para animar ás institucións principais da música (orquestras, óperas, coros, etc) a que realicen actividades fóra dos seus espazos habituais. Ao dar a benvida a outros tipos de música, estas institucións participan nun intercambio cultural que conectan os centros da cidade e as súas áreas periféricas, ofrecendo concertos en hospitais, prisións, igrexas e promovendo encontros entre os músicos máis noveis e os profesionais. Na actualidade, este evento celébrase en máis de cen países do mundo.

Documentos relacionados



Compartir: