ALCALDÍA

O Concello aforrará máis de 300.000 euros deixando vacantes as direccións de área

19/06/2015 O alcalde compostelán, Martiño Noriega, anunciou que o Goberno municipal vai deixar vacantes as cinco direccións de área, das que catro se atopaban ocupadas actualmente. A supresión destas catro direccións suporá un aforro anual para o Concello de 301.360 euros. Sumada a outra dirección actualmente non ocupada, a reserva orzamentaria por estes cargos era de 367.000 euros anuais.

"Temos un compromiso de optar por recursos propios e por alixeirar estruturas superpostas e paralelas", indicou Noriega a propósito do cese dos catro directores de áreas, que se formalizará na primeira Xunta de Goberno ordinaria do venres 26 de xuño e se fará efectiva o 1 de xullo. Na actualidade había catro direccións de área cubertas, dúas en Urbanismo, 1 en materia de persoal e contratación vinculada a Alcaldía e outra en Facenda. Estaba vacante unha reservada a Mobilidade.

Estas cinco direccións de área quedarán agora en situación de vacantes. "A día de hoxe non hai previsión de ocupalas", apuntou o alcalde, quen non descartou que, no futuro, se ocupe algunha delas. En calquera caso, de facelo, explicou que sería por "criterios de absoluta necesidade" e de outorgar "valor engadido á estrutura actual". É intención do Goberno municipal amortizar nos vindeiros orzamentos municipais estas direccións de área suprimidas.

Aposta polos recursos existentes
Noriega resaltou a vontade de "apostar polos recursos existentes". Así llo transmitiu aos xefes de servizo cos que mantivo unha reunión. Neste sentido, tamén te previsto na vindeira semana visitar os diferentes departamentos municipais.

En canto ao persoal eventual, anunciou que este luns haberá unha xunta de voceiros na que se abordará esta cuestión, así como a composición das diferentes comisións, cos grupos municipais. Con todo, tamén nesta materia afirmou a "vontade de abaratar custos e reducir o número" do persoal de confianza.

Fondos comprometidos
A preguntas sobre a situación atopada nas contas municipais, o alcalde indicou que "a liquidez non é mala, se ben é derivada dun resultado orzamentario cun baixo nivel de investimentos executados". Apuntou que si encontraron un "volume elevado de fondos comprometidos" e, como unha das prioridades nesta materia, citou a regularización de diversos contratos "rematados e en situación precaria".

Paso inferior de Conxo
Finalmente, Noriega indicou que se están buscando vías de diálogo co Ministerio de Fomento a fin de coñecer a situación real das obras do paso inferior de Conxo. Afirmou comprender que as obras entrañan molestias, pero "o que non é de recibo é que haxa molestias sen obras", dixo en relación ás queixas de veciños e comerciantes. "Non entendemos que non se lles informara dos retrasos das obras", apuntou.

Compartir: