CULTURA

Doce horas de música na praza da Quintana pechan o Ciclo 1906 de Jazz

18/06/2015 Como xa é costume, o VIII Ciclo 1906 de Jazz pecha a súa programación cun evento moi especial, un Maratón de 12 horas ininterrompidas de música, de 12 do mediodía a 12 da medianoite. Será, como é tamén habitual, o 19 de xuño, polo xogo de datas 19.06, e na praza da Quintana. A entrada é libre.

Comeza a xornada coa actuación de Roberto Somoza Trío (de 12:00 a 13:30 horas), que colaborou con artistas como Antonio Cal, Baldo Martínez ou Lucio Godoy. Despois será a quenda de Felipe Villar Trío (de 13:30 a 15:30 horas), que gravou e tocou con Alberto Vilas Quinteto ou Rua da Alegría, entre outros grupos. A tarde estará animada co son de Kin García Trío (de 16:30 a 18:00 horas), considerado un dos nomes crave da escena musical galega, e continuarase con Mónica de Nut (de 18:00 horas a 19:30 horas), que combina música clásica, jazz, rock e tradición.

A caída do sol protagonizarana os eclécticos Cats and Monkeys (de 19:30 a 21:00 horas). Xa pola noite, contarase con André Fernandes "Wonder Wheel" (de 21:00 a 22:30 horas), cuxo disco Cubo foi votado en 2007 como o mellor álbum de jazz de Portugal, e cos Hot Chocolates (dende as 22:30 até as 00:00 horas), cuxo estilo festivo cheo de positivismo porá o peche a unha xornada única que se poderá seguir por streaming a través de Periscope.

En total, 12 horas nas que o jazz non deixará de soar, a mellor forma de despedir un VIII Ciclo 1906 polo que se pasearon artistas tan destacados como Christian McBride, Dave Douglas ou Chano Domínguez co Niño Josele, entre outros.

Compartir: