CULTURA

María Adánez, José Manuel Poga, Chema León e Pepa Rús presentan en Santiago "Insolación", de Emilia Pardo Bazán

17/06/2015 María Adánez, José Manuel Poga, Chema León e Pepa Rús estarán este xoves en Compostela con Insolación, de Emilia Pardo Bazán. Dirixidos por Luis Luque chegan da man da Compañía Miguel Narros e Producciones Faraute. Poderemos velos a partir das 20:30 horas no Auditorio de Galicia, dentro do ciclo Teatro 2015. As entradas teñen un prezo de 22 euros e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, no 902 434 443 e en entradas.abanca.com. Ademais, o propio día do espectáculo, tamén se poden mercar no Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas.

Con Insolación, Emilia Pardo Bazán non só escribiu unha fenomenal historia de amor, senón unha impoluta defensa do dereito a elixir as mulleres. Faino na persoa de Francisca de Asís Taboada, marquesa viúva de Andrade, galega como a propia autora e afincada nun Madrid de final de século onde as tradicións e o conservadorismo da aristocracia e a alta burguesía xeran un clima asfixiante que oprime os desexos e ilusións dunha dama aínda nova e atractiva que, de súpeto, asumirá a capacidade de pensar e decidir pola súa conta.

Nos a penas seis días que dura a acción, Asís coñece a Diego Pacheco, un raparigo de boa sociedade con fama de conquistador, déixase adular por el máis aló do aceptable, reflexiona sobre o incorrecto do seu proceder, disponse a abandonar un comportamento inconveniente regresando ao seu apracible e querida Galicia, e finalmente decide deixar de encartarse á moral sexual da súa contorna e non xa entregarse sen medo ao pracer, senón capitanear a relación admitindo que un debe tentar ser protagonista da súa propia historia.

Asís Taboada habita unha contorna aparentemente ilustrada, onde a xente se reúne en salóns e faladoiros para departir, pero no que aínda non calou a fondo a idea da igualdade entre homes e mulleres. Así ocorre co terceiro vértice do triángulo, Gabriel Pardo, home culto e reflexivo, aspirante a obter nun futuro a man da marquesa, e sorprendido pola rapidez con que Asís desenvolve a súa desenvoltura. É unha maneira masculina de negar os propios prexuízos pero ao final quedar en evidencia.

Esa aposta pola evolución persoal e a transformación enteira dun modelo de vida é un dos elementos máis destacados de Insolación. Para Marina Mayoral, "a liberdade, a independencia da muller, parece dicirnos a autora, deben gañala as mulleres pola súa conta, porque o home mellor intencionado, á hora da verdade, reacciona como o máis convencional e obediente defensor dunhas normas que, en definitiva, favorécenlles a eles". Pero ao mesmo tempo foi o motivo polo que a novela supuxo un grande escándalo no momento da súa publicación.

Documentos relacionados



Compartir: