EDUCACIÓN

Premio á "extraordinaria traxectoria, compromiso e sensibilidade" da Concellería de Educación en prol da seguridade viaria

17/06/2015 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta do premio institucional concedido ao Departamento de Educación do Concello de Santiago no marco dos Premios Nacionais de Curtametraxes de Educación Viaria, organizado polo Real Automóbil Club de España (RACE). O galardón foi concedido en recoñecemento ao labor en prol da educación e da seguridade viaria deste Departamento, en representación do cal estiveron tamén na rolda de prensa Xosé Manuel Rodríguez-Abella, Beatriz Varela e Susana Papín.

O premio, en forma de placa de recoñecemento, será recollido este xoves en Madrid polo propio concelleiro, Manuel Dios, e polo xefe do Departamento de Educación, Xosé Manuel Rodríguez-Abella. O acto celebrarase na Academia de Cine e nel tamén recibirán os seus galardóns os tres centros escolares gañadores dos Premios Nacionais de Curtametraxes de Educación Viaria

Este certame de curtas está destinado a alumnos de primaria dos centros educativos de todo o territorio español e ten por obxectivo promover a educación viaria, as artes escénicas e o uso das novas tecnoloxías para mellorar a educación viaria dos escolares. Ademais, o xurado outorga un galardón a aquelas institucións ou organismos que se amosan "máis activos e sensibles" en temas de educación e prevención viaria.

No caso do Departamento de Educación compostelán, o xurado recoñeceu a "extraordinaria traxectoria, compromiso e sensibilidade" do Concello de Santiago, valorando o "esforzo e dedicación nesta materia" dos técnicos desta Concellería.

O xurado dos Premios estivo integrado pola directora xeral de Tráfico da DXT, o fiscal de Seguridade Viaria do Ministerio de Xustiza, un representante do Ministerio de Educación, o presidente da Academia de Cine e o presidente do RACE, entre outros.

Dende 1999
Dende 1999, o Departamento de Educación do Concello de Santiago, en estreita colaboración con outros servizos municipais, institucións e outras entidades, realiza un programa de educación viaria e na autoprotección, que ten como un dos seus obxectivos educar a poboación, procurando o desenvolvemento de pautas de conduta positivas que minimicen os riscos diante de calquera emerxencia individual ou colectiva. Tamén quere previr, evitar e reaccionar correctamente diante de perigos, accidentes domésticos, circulatorios ou escolares. Constitúe igualmente a resposta á preocupación sentida pola comunidade educativa respecto á seguridade nas instalacións educativas e o comportamento viario dos composteláns.

Unha boa parte das propostas e actuacións do programa de Educación Viaria e de Autoprotección "Onde está o perigo?, ten como destinataria a comunidade escolar de Santiago, procurando adaptar os seus contidos aos currículos de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria. O programa integra diferentes accións de dinamización, cunha perspectiva de transversalidade e territorialidade e coa colaboración permanente da Xefatura Provincial de Tráfico. Tamén participan activamente os servizos municipais de Extinción de Incendios, Policía Local, Protección Civil, así como o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Cruz Vermella e Policía Nacional; e colaboran entidades como a Asociación Stop Accidentes, a Fundación RACE, o Instituto MAPFRE ou a Fundación RACC.

A Campaña Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección inclúe propostas como: Programa de colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, Parque infantil de tráfico, visita ao helicóptero da DXT, curso de formación do profesorado en educación viaria e na autoprotección, sesións informativas de educación viaria para ANPAS, representación teatrais, dotación aos centros educativos de material didáctico de educación viaria, xornadas formativas para colectivos específicos da cidade, programa de colaboración con RACE, aula móbil do programa de accidentes da Fundación RACE, campaña "Antes de conducir, pensa", simulador de colisións, campaña "Aprende a ir suxeito no coche con Pillo O Armadillo", campaña "Ao cole seguros", programa de colaboración coa Fundación RACC, programa de educación pola mobilidade nas escolas, campaña do uso do cinto "Lévao sempre enganchado. Pódeche salvar a vida", campaña do uso do casco "Non rompas a cabeza. Pon o casco", programa de colaboración coa Asociación Stop Accidentes ou programa "Axente corrente. O Galo Mirindolo".

En materia de autoprotección nos centros escolares, organízanse plans e simulacros de evacuación na rede de centros escolares públicos de Santiago, cursos teórico - prácticos sobre os servizos básicos de seguridade e visitas didácticas ás dependencias destes servizos.

Prioridades
Manuel Dios aproveitou a súa primeira rolda de prensa para recoñecer o "bo facer" do equipo de traballo da Concellería de Educación, co que xa vén mantendo contacto dende os seus tempos de profesor e de presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz. Neste sentido, afirmou contar con "persoas volcadas coa mellora da calidade da educación pública". Con todo, considerou necesario dotar de máis persoal a este Departamento, pola carga de traballo que ten, anunciando a incorporación dun técnico e dun administrativo.

Ademais, o edil deu conta dalgunhas das prioridades do novo Goberno nesta materia, coma o desenvolvemento de programas transversais en ámbitos como a cultura de paz, a convivencia escolar ou a cidadanía; o fomento da participación da comunidade educativa a través do Consello Escolar Municipal; o impulso das escolas de pais e nais; a apertura dos espazos comúns dos colexios á cidadanía ou a recuperación do papel internacional de Santiago no programa de Cidades Educadoras.

Como temas máis inmediatos a abordar citou o programa de conciliación que se inicia o luns, a renovación do servizo de comedores e as obras de reparación e mantemento a realizar durante o verán nos colexios. Tamén se referiu á vontade de axilizar a construción das escolas infantís de Santa Marta e Castiñeiriño, de ampliar a Escola Municipal de Música e de facilitar a ampliación do Conservatorio. E, como deputado provincial, comprometeuse a intentar desbloquear na Deputación da Coruña a asignación que permita ao fin a apertura da Ludoteca de Fontiñas.

Compartir: