CENTROS SOCIOCULTURAIS

Aberto o prazo de inscrición para as saídas ao parque acuático de Cerceda do programa municipal Vive o Verán 2015

16/06/2015 Dende as 17:00 horas deste martes 16 de xuño estará aberto o prazo de inscrición nas saídas ao parque acuático de Cerceda, organizadas para nenos e nenas de 7 a 14 anos no marco do programa Vive o verán 2015. As excursións serán os días 9 e 16 de xullo.

A actividade inclúe o traslado de ida e de volta en autobús ata o parque acuático e o desfrute dunha xornada completa (saída dende Santiago ás 10:00 e regreso sobre as 20:30 horas) nas instalacións na compaña de monitores de tempo libre. O parque acuático dispón de piscinas para distintas idades, zona verde, bar e cafetería.

Ofértanse 50 prazas en cada unha das saídas. O custo da entrada ao parque corre por conta dos participantes, que deberán tamén levar a comida e a merenda.
As inscricións poden realizarse nos centros socioculturais e os grupos conformaranse por rigorosa orde de apuntamento. O número máximo de nenos e nenas que pode anotar cada persoa é de catro, agás se se trata dunha familia numerosa de máis de catro fillos.

Nos centros socioculturais facilitaranse as fichas de inscrición, que se deberán entregar cumprimentadas e acompañadas dunha fotocopia da tarxeta sanitaria do neno/a.

Títeres nas Fontiñas
Tamén dentro do programa Vive o verán, o Centro Sociocultural das Fontiñas acollerá este xoves 18 de xuño, ás 19:00 horas, a representación de Ikú e Eleggúa a cargo da compañía de títeres Cascanueces. A obra está dirixida ao público infantil e a entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.

Direccións relacionadas



Compartir: