EDUCACIÓN

Publicada a listaxe de admitidos e excluídos no Programa de Conciliación para o Verán

15/06/2015 Finalizado o prazo para a solicitude de participación no Programa de Conciliación Laboral e Familiar para o Verán 2015, organizado polo Departamento de Educación, faise pública a listaxe de admitidos/as e excluídos/as. Todas as prazas foron cubertas.

Os/as solicitantes que o desexen poderán realizar as consultas que consideren oportunas a partir deste luns no Departamento de Educación do Concello de Santiago, a través dos teléfonos 981 554 400/401. Todas as prazas están cubertas, polo que non se poderán atender máis solicitudes ou ampliar os servizos, agás que se produzan baixas no programa.

Este programa de conciliación laboral e familiar estará en marcha no período das vacacións do verán 2015, isto é, nos meses de xuño (23, 25, 26, 27 e 30), xullo (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos) e setembro (días 1, 2, 3, 4, 5, 8, 9 e 10). Este programa comprende un conxunto de actividades a desenvolver en instalacións do CEIP das Fontiñas e do CEIP Raíña Fabiola, destinadas á poboación escolarizada en educación Infantil e primaria do municipio de Santiago.

O programa quere crear un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser un recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. Poderán participar nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O horario será de 9:00 a 14:00 horas. Non obstante, ofrécese a posibilidade de que as familias soliciten ademais un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e un servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas).

Varias modalidades e prezos
Os pais e nais poderán escoller entre diversas modalidades, tanto por número de días como por servizos ofertados.

O prezo dependerá da modalidade escollida. O custo unitario por día solto é de 2,5 euros para o servizo de madrugadores con almorzo, 8 euros para obradoiros e actividades e 6 euros para o servizo de comedor. No caso de optar por mes completo eses prezos diarios poden reducirse chegando ata os 1,91 euros para o servizo de madrugadores, os 5,22 euros para os obradoiros e os 4,78 euros para o servizo de comedor. Ofrécense unha serie de descontos que van do 20% para familias monoparentais, numerosas ou por dous irmáns no programa; e ata o 50% ou 100% para familias con escasos recursos, para o que será preciso un informe previo do departamento de Servizos Sociais.

Obradoiros nas escolas infantís
Por outra parte, comunícase que aínda que quedan prazas dispoñibles nos obradoiros de verán que se desenvolven nas escolas infantís municipais de Conxo e das Fontiñas, dirixidos a nenos e nenas de 3 a 6 anos. O programa destes obradoiros pode consultarse nesta web.

Compartir: