ALCALDÍA

O alcalde destaca a "transversalidade" das novas áreas de goberno e a "solvencia profesional" dos seus nove responsables

15/06/2015 O alcalde compostelán, Martiño Noriega, presentou en rolda de prensa o reparto de áreas do novo Goberno local, acompañado polos outros nove integrantes do mesmo. A distribución de competencias, dixo, responde a unha filosofía de "cooperación e transversalidade" e a unha vocación de propiciar a participación dunha "cidadanía activa" na toma de decisións.

Noriega destacou a "recoñecida solvencia profesional" dos responsables das nove áreas de goberno que, xunto a el, asumen a súa tarefa con "ilusión e responsabilidade". Así, apuntou que cada un dos concelleiros ten un perfil moi determinado, con experiencia nas áreas das que asumen agora a dirección.

A distribución de áreas e a composición da Xunta de Goberno é provisoria, á espera da resolución das conversas con PSdG-PSOE e BNG e da decisión que sobre as mesmas adopte Compostela Aberta. Non obstante, indicou que estes diálogos "non poden paralizar a vida municipal", e de aí un reparto que, en calquera caso, deberá ser ratificado no próximo Pleno municipal.

O propio alcalde asumirá varias competencias, como a de Réxime Interno, no que se inclúen materias como persoal, contratación, arquivo, innovación e informática. Tamén se ocupará de lingua e da participación e as relacións veciñais. Será tamén voceiro da Xunta de Goberno.

Reparto de áreas
Rafael Peña ocuparase da Área de Medio Rural e Equilibrio Territorial. Ademais das competencias relacionadas coas parroquias do rural compostelán, terá asignada a Brigada de Obras.

Outra das áreas será a de Mocidade, Deporte e Benestar Animal, competencia esta última que inclúe o Refuxio de Animais de Bando. Dirixirá esta concellería Noa Morales.

Xan Duro encargarase dunha área, a de Medio Ambiente e Convivencia, que aglutinará varios departamentos, como os de sustentabilidade (RSU, auga, enerxía e consumo) ou parques e xardíns. Baixo o epígrafe de convivencia, o Goberno local sitúa a dirección de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. Duro será tamén o secretario da Xunta de Goberno.

Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo será a área dirixida por Marta Lois. Asumirá competencias en materia de igualdade, promoción económica, emprego, mercados, comercio e turismo.

Branca Novoneyra ocuparase da Área de Acción Cultural, na que quedará integrado o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e a rede de centros socioculturais. Tamén dirixirá o departamento de festas e será a terceira tenente de alcalde.

Das contas municipais, englobadas na Área de Economía e Facenda, encargarase María Rozas, con competencias en planificación económica e financeira, xestión tributaria, xestión orzamentaria e política fiscal. Ademais, asume a primeira Tenencia de Alcaldía.

Concha Fernández responsabilizarase da Área de Políticas Sociais e Diversidade. Nesta concellería xuntaranse as competencias de políticas sociais, diversidade e saúde, economía social, UMAD, UAMI e cooperación.

Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade será a área que dirixirá Jorge Duarte. Os departamentos de cidade histórica, planeamento, urbanismo, dereito á vivenda, mobilidade e rehabilitación quedarán integrados nesta área. Será igualmente segundo tenente de alcalde.

Finalmente, créase a Área de Educación e Cidadanía, á fronte da cal estará Manolo Dios, con competencias en educación, cidadanía e dereitos humanos. El será quen represente a Santiago na Deputación Provincial da Coruña.

A Xunta de Goberno, presidida polo alcalde e voceiro da mesma, estará integrada por María Rozas, Jorge Duarte, Branca Novoneyra, Xan Duro (secretario) e Concha Fernández.

Documentos relacionados



Compartir: