ALCALDÍA

Martiño Noriega quere recuperar "o perfil, o latexo e o prestixio" da cidade

13/06/2015 Martiño Noriega tomou posesión como novo alcalde de Santiago de Santiago de Compostela. Na súa intervención tras recibir o bastón de mando e prometer o seu cargo, solicitou á Corporación que sexa capaz de apostar polo "común denominador" en beneficio da cidade. Así, demandou que, máis alá das dinámicas partidarias e "dende o diálogo, a diferencia e a pluralidade", a cidade poida "recuperar o seu perfil, o seu latexo, o seu prestixio, e exercer como capital dun país que se sente orgulloso de tela como capital".

Noriega agradeceu ao pobo de Santiago "o apoio por esta encomenda, que acollo con ledicia e con moita responsabilidade" e comprometeuse a "gobernar para a maioría social agredida", respondendo á "confianza dos veciños e veciñas" de Compostela.

Nas súas primeiras palabras como alcalde, Martiño Noriega recordou a Ánxel Casal, "unha das figuras que nós reivindicamos e que queremos recuperar na memoria desta cidade". Segundo apuntou, o editor e político galeguista, que tiña 40 anos -ao igual que Noriega- cando asumiu a Alcaldía de Santiago, encarnaba valores a recuperar para a cidade como a "sensibilidade social e cultural".

Entre os recordados nesta cita tamén estiveron a súa familia e persoas "excepcionais" coma o seu "mestre", Xosé Manuel Beiras, e os falecidos Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, cuxa filla lle entregou unha flor de xasmín que luciu durante a cerimonia.

Ademais, o novo alcalde tivo palabras de lembranza para "os homes e mulleres que pasaron por esta Corporación e que axudaron a construír un relato de cidade que cómpre recuperar". Esta mención personificouna no ex alcalde Xerardo Estévez.

A última das reivindicacións de Martiño Noriega foi para Maruxa e Coralia "como mulleres e símbolos desta cidade, como persoas que deben ser o motor da nosa acción día a día, como persoas que deben estar por diante dos números, dos corsés e da burocracia, como persoas con principio e fin, que é a nosa razón de ser como representantes públicos".

Toma de posesión
Martiño Noriega foi elixido como alcalde na primeira votación por maioría simple, ao obter 12 votos a favor: os dez da súa formación, Compostela Aberta, e os dous do BNG. O Partido Popular votou a favor do seu candidato, Agustín Hernández, mentres que os catro edís PSdG-PSOE votaron en branco.

A composición da Corporación queda do seguinte xeito: Martiño Noriega, María Rozas, Jorge Duarte, Branca Noveneyra, Xan Duro, Concha Fernández, Manuel Dios, Marta Lois, Rafael Peña e Noa Morales, por Compostela Aberta; Agustín Hernández, María José Castro, Alejandro Sánchez-Brunete, María Antón, María José Corral, Manuel Martínez, Teresa Gutiérrez, Maite Cancelo e Claudio Montiel, polo PP; Francisco Reyes, María José Tobar, Gonzalo Muíños e Milagros Castro, polo PSdeG-PSOE; e Rubén Cela e Goretti Sanmartín, polo BNG.

Compartir: