ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca o labor benéfico e asistencial da delegación compostelá da Asociación Española contra o Cancro

12/06/2015 O alcalde de Santiago en funcións asistiu no Palacio de Congresos á gala benéfica da xunta local da Asociación Española Contra o Cancro. Agustín Hernández destacou "a forza e o poder de convocatoria desta organización", así como a "a implicación da sociedade da área de Compostela para colaborar co seu labor benéfico e asistencial".

Nesta edición da gala benéfica recibiron distincións Boutique Mariana, de Bertamiráns, o médico Salvador Mariño-Ageitos e os medios de comunicación locais, representados polo xornalista Nacho Mirás. A todos eles felicitounos Agustín Hernández polo "seu continuado e xeneroso labor con esta causa".

O alcalde en funcións tamén tivo palabras de agradecemento á Asociación Española contra o Cancro, que acaba de cumprir 62 anos, "o que a converte na entidade social máis representativa e recoñecida do noso país na loita contra a que moitos consideran a epidemia do século XXI", dixo.

"O traballo desta Asociación, que se canaliza en gran medida a través da súa Fundación Científica que xestiona os fondos captados cara á investigación oncolóxica, é unha boa mostra do positivo que resulta a colaboración e coordinación das organizacións non gobernamentais", apuntou Hernández no seu último acto como alcalde.

Lembrou que, malia os avances que fan que cada ano haxa máis pacientes con máis curacións, as estatísticas "seguen a incidir na elevada prevalencia da enfermidade e constatan que un 80% da poboación tivo unha experiencia moi próxima co cancro". De aí que esta sexa unha cuestión que "nos afecta a todos, porque todos estamos expostos a padecer directa ou indirectamente os seus efectos".

De aí que considere necesario "seguir mantendo os esforzos, dende todos os ámbitos e moi especialmente dende as institucións sanitarias públicas, para avanzar no incremento da proporción de éxitos, con tratamentos máis eficaces, menos agresivos e cos medios necesarios, que poñan ao alcance de todos os mellores recursos dispoñibles".

Compartir: