EDUCACIÓN

Ábrese un prazo do 15 ao 25 de xuño para a preinscrición nos servizos de comedor e de madrugadores para o curso 2015-2016

12/06/2015 Do 15 ao 25 de xuño estará aberto o prazo de preinscrición nos servizos de comedor e de madrugadores na rede de centros públicos de infantil e primaria do Concello de Santiago para o curso 2015-2016. Os centros que disporán deste servizo son: Apóstolo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e CEIP Arquitecto Casas Novoa, neste último caso só o servizo de madrugadores.

Durante o curso 2012-13 púxose en marcha no concello de Santiago o servizo de comedores e de madrugadores en nove centros públicos de educación infantil e primaria. Con tal motivo, asinouse un convenio de colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que permitiu o seu financiamento durante os cursos 2013-2014 e 2014-2015. Tendo en conta que o curso escolar está a piques de finalizar e atendendo á preocupación transmitida polas familias respecto do servizo de comedores e de madrugadores para o vindeiro curso escolar, establécese un prazo de preinscrición. Ademais, co obxecto de iniciar o expediente administrativo que permita licitar este servizo, é necesario contar cunha estimación de usuarios.

Abrirase un prazo entre os días 15 e 25 de xuño de 2015 (ambos os dous incluídos), para a preinscrición nos servizos de comedor e de madrugadores. O impreso de solicitude de preinscrición, debidamente cuberto entregarase no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo), nos prazos establecidos.

O modelo oficial poderá descargarse aquí ou solicitalo no Departamento de Educación (Edificio Cersia: rúa Alcalde Raimundo López Pol, s/n), así como nos centros de ensino obxecto desta convocatoria, comedores escolares e na páxina de comedores escolares: www.serunion-educa.com.

O proceso de preinscrición non garante a obtención de praza. Unha vez completado o proceso administrativo coa sinatura do convenio de colaboración coa Consellería de Educación (aínda pendente de remisión pola Consellería de Educación) e a adxudicación do contrato, procederase á publicación dos prazos para a formalización da matrícula. As admisións realizaranse por rigoroso orde de entrada no Rexistro municipal , ata cubrir as prazas dispoñibles.

Os servizos de comedor e de madrugadores prestaranse os días lectivos do curso escolar 2015-2016, dende o primeiro día ata o último día establecidos no calendario escolar para o curso 2015/2016, nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia. Unha vez que se produza a adxudicación do servizo, a Xunta de Goberno Local acordará os prezos por menú a pagar por cada comensal para o curso.

Documentos relacionados



Compartir: