SEGURIDADE E MOBILIDADE

A Policía Local disporá dunha nova web de servizo público con información sobre mobilidade en tempo real

12/06/2015 O concelleiro de Seguridade e Mobilidade en funcións, Alejandro Sánchez-Brunete, presentou a nova web da Policía Local, que entrará en funcionamento en vindeiros días. Acompañado polo inspector Francisco García e pola oficial Diana Parente, detallou as características dunha web que incorporará diversa información de servizo público e sobre a mobilidade na cidade.

Unha parte desta nova web estará destinada a ofrecer información en tempo real sobre a mobilidade na cidade. Así, os cidadáns poderán consultar o estado do tráfico -mediante un mapa que detallará os niveis de conxestión en diversas partes da cidade ou consultando ata catro cámaras-, as incidencias de tráfico ou a ocupación dos estacionamentos públicos, entre outros aspectos.

Outra parte da web destinarase a ofrecer diversa información de servizo público, destacando cuestións como a relación de obxectos perdidos. Os cidadáns poderán acceder a novas sobre a operatividade da Policía Local, teléfonos de interese, estatísticas, campañas, normas de educación viaria, etc.

Sánchez-Brunete aproveitou a súa última rolda de prensa como concelleiro para agradecer o seu "traballo e profesionalidade" á Policía Local de Santiago.

Compartir: