FACENDA

A rebaixa no tipo impositivo do IBI suporá neste 2015 un aforro medio de 60 euros no recibo dos contribuíntes composteláns

12/06/2015 O concelleiro de Facenda en funcións, Ramón Quiroga, ofreceu os últimos datos dispoñibles da campaña de cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que afectará a 45.000 contribuíntes e na que se tramitarán 90.000 recibos. A rebaixa do tipo impositivo ata o 0,54% suporá un aforro medio de 60 euros nos seus recibos para os contribuíntes composteláns.

Segundo indicou Quiroga, esta rebaixa do tipo impositivo, adoptada no marco do Plan Fiscal 2015, vén a paliar o aumento nos recibos do IBI derivado da revalorización catastral dos inmobles posta en marcha en 2010. Así, a recadación municipal polo IBI neste exercicio situarase nos 27.526.603 euros, fronte aos 30.563.054 euros que se terían recadado de manter o tipo no 0,60%.

Isto supón un esforzo fiscal para o Concello de 2.966.451 euros. Dividida esta cantidade polos 45.000 contribuíntes, resulta un aforro medio de 60% nos recibos dos composteláns respecto ao que terían que ter pagado de non rebaixarse o tipo impositivo.

As medidas en relación ao IBI non quedaron aí, xa que se fixaron diversas bonificacións, como as que afectan ás vivendas protexidas, con bonificacións do 50% nos primeiros tres anos e do 25% nos seguintes cinco anos. Ademais, permitirase neste 2015 recuperar as bonificacións perdidas en 2012, 2013 e 2014. Desta medida beneficiaranse 1.352 familias, das que 642 recuperarán as bonificacións perdidas. Estas rebaixas tradúcense nun impacto económico de 142.000 euros.

Outro colectivo con novos beneficios no IBI é o das familias numerosas, con bonificacións entre o 15% e o 60%. Estímase que 217 familias se poderían acoller a estas bonificacións, que suporían un aforro total para estas familias de 36.000 euros.

Finalmente, establecéronse bonificacións do 60%, 40% ou 20% para vivendas do rural, porcentaxe que varía en función do número de servizos básicos dos que carezan. Destas bonificacións, que totalizarían en aforros uns 222.000 euros, poderían beneficiarse ata 3.655 inmobles.

Acta de arqueo
Ramón Quiroga tamén deu conta da acta de arqueo, que será aprobada este sábado coincidindo coa toma de posesión da nova Corporación e que reflicte as facturas pendentes de pago, por 400.000 euros, e os fondos líquidos cos que se atopará o Goberno entrante, 11.215.000 euros.

A nivel orzamentario, os gastos aprobados a mes de xuño suman 28 millóns de euros, o que supón o 23% do total previsto para o exercicio. Tomando como indicador os gastos comprometidos, estes alcanzan os 55 millóns de euros, o 45% do total anual. Os ingresos recoñecidos suman 28 millóns de euros –un terzo do orzamentado-, sen incluír aquí os ingresos previstos polo IBI.

Sobre o os fondos líquidos que quedan na tesourería municipal, 11.215.000 euros, Quiroga lembrou que nestes se inclúe a operación de tesourería realizada meses atrás por seis millóns de euros. Tamén aproveitou para repasar outros indicadores, como a débeda bancaria, que queda en 45,5 millóns de euros e o período medio de pago a provedores, que en abril se situou en só 15,89 días.

Para o concelleiro de Facenda en funcións, estas cifras reflicten a situación de "estabilidade e solvencia" na que quedan as contas municipais, "cun Concello saneado e cun Plan de Axuste cancelado con sete anos de antelación". Finalmente, agradeceu aos traballadores do Departamento e aos seus compañeiros de Corporación o labor realizado durante estes meses.

Compartir: