ALCALDÍA

Hernández destaca o esforzo realizado para "resolver os problemas cotiáns dos cidadáns, desbloquear cuestións pendentes e perfilar novos proxectos para Santiago"

11/06/2015 O alcalde de Santiago en funcións, Agustín Hernández, fixo balance dos seus 11 meses á fronte da xestión municipal, a penas dous días antes da toma de posesión da nova Corporación. Cualificou este período como "proveitoso" para a cidade, resaltando o esforzo realizado para "resolver os problemas cotiáns dos cidadáns, desbloquear cuestións pendentes e perfilar novos proxectos para Santiago de Compostela".

Hernández indicou que deixa un Concello cun "elevado nivel de xestión" e con "proxectos estratéxicos en marcha fundamentais para o futuro da cidade". Ademais duns orzamentos aprobados, engadiu, queda "un Plan de Axuste cancelado e finiquitado con sete anos de antelación e un Concello que "cumpre cos seus provedores, que non gasta máis do que pode, que mantén a solvencia das súas contas e que reinviste nos cidadáns os resultados desa boa xestión".

Tamén destacou no seu balance a baixada de impostos, o incremento do gasto social en máis dun 80% e a mellora do nivel dos servizos públicos. En definitiva, dixo, intentouse "sacar un maior rendemento dos cartos de todos, en beneficio exclusivo da cidade e dos veciños".

Compromisos coa Xunta e co Estado
No capítulo de obras e servizos, o alcalde en funcións salientou que, sumando as actuacións iniciadas polas diferentes administracións e os compromisos que se foron adquirindo ao longo deste período (algúns deles xa en marcha e outros que terán que ir concretándose ao longo dos vindeiros meses), "estamos a falar de que se mobilizaron neste último ano 226 millóns de euros no Concello de Santiago, dos que 172 corresponden ao Estado e Xunta e en menor medida á Deputación, e 54 millóns de euros a expedientes propios do Concello".

Hernández referiuse ao relanzamento dos apoios institucionais, con investimentos millonarios para a cidade. No caso da Xunta, citou os 2 millóns de euros para a restauración da fachada da Catedral, os 700.000 do Bosque de Galicia, o millón da ampliación dos colexios Monte dos Postes e Roxos, os 700.000 do estacionamento de Pontepedriña; os 7 millóns da variante de Aradas, o Centro de Saúde de Galeras e o millón de euros para a nova Escola Infantil do Castiñeiriño.

En canto aos investimentos do Estado, citou os 17 millóns de euros para a Catedral, os 7 millóns do túnel de Conxo, os 20 millóns da primeira fase da intermodal, os 5,5 millóns para as obras de mellora da EDAR da Silvouta, os 78 millóns para a nova EDAR do Souto (declaración de impacto ambiental e anteproxecto en fase de aprobación) e os 64 millóns de euros da ampliación da AP-9. Non se esqueceu dalgúns importantes investimentos da Deputación da Coruña: campo de fútbol de Conxo (200.000 € para unha obra cun investimento de 600.000 €); investimentos para a promoción turística e cultural da cidade (227.000 €); e Plan DTC (751.000 €).

Proxectos propios por 54 millóns de euro
Xa no capítulo dos proxectos propios, apuntou que se mobilizaron expedientes por importe de máis de 54 millóns de euros, dos que 12,4 millóns se corresponden con obras municipais executadas ou en execución: reurbanización de zonas altas da Almáciga (1,5 millóns); mellora da accesibilidade en Vista Alegre (2,7 millóns); reurbanización de rúas como Carretas, Caramoniña, Escultor Asorey, Raxoi ou Camiño da Raxeira; e actuacións de tipo social ou cultural como o Centro Cívico Vista Alegre - O Romaño, o Catalizador de Belvís, o Centro Xove da Almáciga ou o parque público e campo da festa de Angrois.

En fase de contratación atópanse obras por un importe total de 18,6 millóns de euros, entre as que Hernández destacou a rehabilitación do palacete do Espiño (1,2 millóns de euros), a avenida Quiroga Palacios (546.000), a avenida de Vilagarcía (500.000), a rúa Montero Ríos (1,6 millóns), o campo de fútbol de Conxo (500.000) e a rúa Castrón D’ouro (1,5 millóns de euros).

En materia de servizos municipais, Hernández citou investimentos como a adquisición de 11 novos autobuses (3,6 millóns de euros); a tramitación das solicitudes de 352 novas axudas para as ARI de Vista Alegre, Pontepedriña e Cidade Histórica; os proxectos do Smart iAGO, a posta en marcha do contrato de conservación, reparación e mantemento de centros educativos; o programa Santiago Suma ou a redacción do Plan Especial do Casco Histórico e do Plan Director de Parques e Xardíns.

Están tamén en fase de contratación outros contratos: auditoría enerxética dos edificios municipais, actualización do catastro, reparación de parques infantís, servizo de mantemento da iluminación pública e mantemento e reparación de pavimento e mobiliario cidade histórica e de pavimento viario urbano extramuros.

Redución de impostos e da débeda
O alcalde en funcións ocupou a última parte da súa intervención analizar as medidas tomadas en materia de facenda, que permitiron "manter o ritmo de xestión en niveis de esixencia e de eficacia, realizando un esforzo importante en materia de solvencia das contas municipais e continuando o traballo de estabilidade realizado durante toda a lexislatura".

En particular, resaltou o plan de medidas fiscais e sociais, que trouxo consigo a rebaixa de impostos como o IBI, bonificacións tributarias por razóns sociais e para fomentar o emprego, a reforma do calendario fiscal ou o impulso da domiciliación e do fraccionamento do IBI.

Outro feito destacado por Hernández foi "a aprobación en 2015, por primeira vez en 20 anos, do orzamento do Concello e das empresas municipais a principios de xaneiro, é dicir, en tempo e forma". Como principais indicadores en materia orzamentaria referiuse a que este último orzamento foi o de maior nivel de gasto da lexislatura (102 millóns de euros) e tamén o de maior nivel de gasto social. Tamén se incrementaron respecto a lexislaturas anteriores os niveis de gasto en seguridade e transporte público, investimentos, fomento do turismo ou políticas de emprego.

Ademais da citada cancelación do Plan de Axuste con sete anos de antelación, o alcalde en funcións citou os superávits e boa situación das contas municipais, que permitiu a posta en marcha de dous importantes plans de choque urxentes, por importe de 4,4 millóns de euros: 1,2 millóns en 2014 e 3,2 millóns no presente ano.

En canto á débeda municipal, indicou que, a día de hoxe, se sitúa en 45,8 millóns de euros, 14,4 millóns de euros menos que en 2011 (60,2 millóns de euros), cunha diminución da débeda de 154 euros por habitante. "Tendo en conta o plan de pagos do Concello, este ano está previsto abonar 5 millóns de euros de débeda bancaria, polo que a previsión a mes de decembro de 2015 é que se sitúe nos 40,5 millóns de euros", apuntou.

Ademais, destacou que, na actualidade, as facturas a provedores e empresas se pagan nun prazo medio de 15,89 días, segundo o último dato do Ministerio de Facenda correspondente ao mes de abril. En 2011, dixo, a media estaba en 143 días.

Volta á normalidade
Finalmente, Agustín Hernández, apuntou que a entrada deste Goberno municipal agora saínte supuxo "un antes e un despois na forma de xestionar e de relacionarse coa cidadanía". Así, afirmou que, neste período, afrontara o "reto" de "conducir a cidade á normalidade nun comento complexo". Mostrouse convencido de ter estado "á altura do reto", aplicando "sentido común e traballo diario".

Compartir: