CULTURA

A Jigsaw presenta o seu novo disco, "No true magic", dentro do Compostela Rock

10/06/2015 A Jigsaw, dúo de Coímbra, presenta o seu último traballo, No true magic, este xoves 11 de xuño dentro do ciclo Compostela Rock. Será na Fundación SGAE ás 21:00 horas. As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), no teléfono 902 434 443 ou na web entradas.abanca.com. Teñen un prezo de 5 euros anticipada e de 7 euros o día do concerto.

A revista francesa Les Inrockuptibles afirmaba en 2012 que A Jigsaw era unha banda á que era obrigado seguir. En 2014 esta revista sitúaa á altura de Tom Waits e Leonard Cohen e advirte que non se perda de vista ao dúo de Coímbra. E non é para menos: despois de tres anos e tras a edición do seu derradeiro traballo de estudio, os multi-instrumentistas Jorri e João Rui presentan o seu novo álbum, No true magic.

As raíces continúan sendo o folk, o blues, a literatura e un concepto: a inmortalidade. Despois da perda da inocencia e da creación da identidade, A Jigsaw agora fainos referencia a aceptar os termos da nosa mortalidade.

No true magic foi composto e gravado no Blue House Studio (Coímbra) por A Jigsaw e mesturado e masterizado por João P. Miranda no Attack-Release Studio (Portalegre). Jorri e João Rui asumiron unha vez máis a produción deste traballo xunto á execución musical dos case 20 instrumentos diferentes que se utilizaron.

Compartir: