CONSORCIO

Oitenta e un novos músicos aspiran a unha das 18 prazas para o curso de posgrao de Especialización Orquestral que imparte a Escola de Altos Estudos Musicais

10/06/2015 A Escola de Altos Estudos Musicais imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO), recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago. Diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional. Naceu hai catro anos como unha experiencia pioneira en toda España.

O centro ofrece 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. E están preseleccionados 81 aspirantes, que terán que realizar unha proba final que terá lugar a finais de xuño e principios de xullo e que consistirá nunha audición na que os candidatos terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.

O curso dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de xuño de 2016. Este curso de posgrao proporciona aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra.

Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por mestres de recoñecido prestixio convidados pola Escola. Tamén participarán en concertos públicos dentro do programa A Escola na cidade.

Compartir: