CULTURA

Concerto no Auditorio da Banda do Conservatorio Superior de Música da Coruña dentro do Ciclo de Novas Orquestras

09/06/2015 A Banda do Conservatorio Superior de Música da Coruña, dirixida por Sergio Añón, ofrece un concerto con obras dos compositores Sergei Rachmaninoff e Johan de Meij, acompañados de Manuel Casares ao piano e de Ricardo Pedrares ao trombón. Será este mércores 10, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, enmarcado dentro do Ciclo de Novas Orquestras. A entrada a este concerto será de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas, ou no do propio Auditorio o día do concerto dende as 18:00 horas.

A primeira parte do concerto estará dedicada a Sergei Rachmaninoff. Cos arranxos de Javier Viceiro, a Banda tocará os tres movementos dos que se compón o Concerto para piano nº2 do compositor ruso. Na segunda parte da actuación, a Banda tocará o T-bone concerto, do holandés Johan de Meij.

Manuel Casares Gestal
Ao piano estará Manuel Casares Gestal. Quen iniciou con só cinco anos os seus estudos musicais na escola de música Presto Vivace, onde coñece a Irina Moryatova, de quen recibe as súas primeiras clases e quen guiará os seus pasos dende aquel momento ata o presente. No ano 2005 preséntase á proba de acceso ao Grao Profesional no Conservatorio da Coruña, na que saca a nota máis alta dos presentados. Alí estuda con Sara Montaña e Pablo Ferreño. No ano 2011 finaliza o ciclo, con premio especial de fin de grao e matrícula de honra en dúas ocasións na materia de piano. En 2012 supera a proba para Grao Superior no Conservatorio da mesma cidade, de novo encabezando a lista. Estuda dende entón neste centro con Irina Moryatova xa de forma oficial ata a actualidade, conseguindo ata o momento 14 matrículas de honra. No presente, está cursando o terceiro ano do Grao.

A súa participación en concursos deu como resultado varios premios. En 2005, foi segundo no concurso "Asgaim" a nivel galego, o que lle permitiu dar varios recitais durante o ano 2006 en diferentes cidades de Galicia. Gañou en 2009 o Concurso de Solistas organizado polo Conservatorio Profesional da Coruña e, grazas a iso, debutou acompañado da Orquestra Sinfónica do devandito centro. No ano 2010 foi galardoado co 1º premio no Concurso Caixanova, organizado polo Conservatorio Profesional; e no 2012 consegue o segundo premio no concurso nacional de piano "Veguellina de Órbigo". Conseguiu tamén unha beca no mesmo concurso, na edición de 2010, para o curso de verán "Ciudad de Astorga". Asistiu a clases maxistrais en varias ocasións con mestres como Nino Kereselidze, Ana Guijarro, Iván Martín, Andrzej Pikul, Sergei Yerokhin, Alexander Kandelaki e Ricardo Requejo, entre outros.

Ricardo Pedrares Patiño
Ricardo Pedrares Patiño acompañará a Banda ao trombón. Actualmente cursa estudos de 4º Grado Superior. Posúe a titulación de Grado Profesional, na especialidade de Trombón, coa cualificación de matrícula de honra. É membro da Banda de Música Municipal de Brión dende o 2003, onde comeza os seus estudos musicais, e membro da Banda de Música Artística de Merza dende o 2009. Tamén realiza habitualmente colaboracións con diversas agrupacións bandísticas de toda Galicia.

Participa en diversos cursos e asiste a clases con diversos profesores e integrantes de orquestras tales como Carlos Figueira Abuín, Petur Eriksson, Arturo Centelles, Iago Rios, Faustino Nuñez, Alberto Urretxo, Santiago Blanco, Ximo Vicedo, Michel Bequet, Ingemar Ross o Joseph Alessi, entre outros. Ademais, no ano 2008 é seleccionado como alumno activo da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia (EAEM), asistindo a clases con Jon Etterbek (trombón solista da Orquestra Sinfónica de Galicia) dende o ano 2008 ata o 2011, participando tamén en diversos encontros orquestrais e grupos de cámara.

Foi seleccionado para diversas orquestras novas, como a Nova Orquestra Galega das Artes (2007), JORCAM (Joven Orquesta y Coro de la Comunidad de Madrid, 2011), Nova Orquestra Sinfónica de Galicia (2008- 2013), NJO (Nova Orquestra Nacional de Holanda, 2009), SchleswigHolstein Festival Orchestra (2010-2011), EUYO (Europe Union Youth Orchestra, 2014) e Gustav Mahler Jugendorchester (GMJO, 2015). Cabe destacar que, dende o ano 2010, realiza habituais colaboracións con diversas orquestras profesionais de España, tales como Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquestra Sinfónica de Extremadura, Orquestra Sinfónica de Navarra ou Orquestra Sinfónica de Bilbao.

Sergio Añón Lijó
A Banda do Conservatorio Superior de Música da Coruña é conducida por Sergio Añón Lijó. O director inicia os seus estudos de violín co profesor Enrique Sanz, obtendo o Título Superior no Conservatorio da Coruña e ampliando a súa formación con Alexei Mijlin en Oviedo. En 1999, tras superar o proceso de oposición, comeza a impartir clases no Conservatorio Profesional de Ferrol. Licenciado en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de La Rioja, obtén en 2003, tamén por oposición, a especialidade de Historia da Música. Dende o ano 2004 é profesor do Departamento de Musicoloxía no Conservatorio Superior de A Coruña.

Iníciase na dirección de orquestra da man de Jesús López Cobos, Arturo Tamayo ou Ernest Martínez Izquierdo, entre outros. Realiza estudos de Posgrao no Conservatori Superior de Música del Liceu con Antoni Ros Marbá e Manel Valdivieso e participa nas Sesións de Dirección de Orquestra de Jordi Mora, afondando no estudo da fenomenoloxía da música. Completa a súa formación con Francisco Navarro Lara, obtendo en 2010 o título de Licentiate of The Royal Schools of Music in Music Direction.

Durante a súa formación ten dirixido orquestras como a Orquestra Simfònica do Vallès, a Orquesta Joven da Orquestra Sinfónica de Madrid ou a Orquesta Filharmónica de Medellín (Colombia). Foi director da Orquestra e Coro do Conservatorio Profesional de Ferrol e da Orquestra de Cámara e a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior, dirixindo tamén proxectos co Coro do Conservatorio Superior e o Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Compartir: