CULTURA

Uxía & Narf presentan "As baladas da Galiza imaxinaria" dentro do ciclo Sons’15

09/06/2015 Uxía e Narf funden os seus repertorios nun espectáculo conxunto, man a man, e propoñen un concerto de formato intimista, no que convidan a coñecer As baladas da Galiza imaxinaria. Este novo traballo inclúe clásicos do repertorio de ambos, así coma dous novos temas, "Onda soante" e "Cantiga do neno da tenda" e dous coñecidos pero inéditos, "Encontrarte" e "Nana de Zemanbiquo". Poderemos escoitalos este mércores 10 de xuño, ás 21:00 horas, no Salón Teatro, dentro do ciclo Sons’15.

É precisamente esta Galicia imaxinaria un lugar perfecto para achegarnos, a través da música, as historias que emanan das experiencias vividas, un espazo emocional sen fronteiras, con raíces profundas e cos brazos abertos ao mundo de hoxe. Portan na súa maleta experiencias de intercambio con artistas do mundo lusófono e da diáspora. Todas e cada unha das cancións teñen unha historia detrás relacionada cunha viaxe, con encontros e complicidades.

Este proxecto nace do talento e da sensibilidade de dous artistas que en cada balada abren portas e ventás aos corazóns inquedos e aventureiros. Baladas é tamén o primeiro disco de Edicións da Madriña, unha nova discográfica creada polos propios autores que agarda acoller no futuro moitos máis proxectos musicais.

Uxía é a gran dama da música galega. Ademais de ser probablemente a súa cara máis coñecida, é produtora e ten promovido infinidade de iniciativas musicais e culturais coma o Festival Internacional da Lusofonía "Cantos na Maré". Dende o seu debut con Foliada de marzo en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes. Integrante do grupo Na Lúa ata 1991, Uxía emprende un camiño en solitario que responde a unha natural evolución da súa traxectoria. Despois de nove discos, un deles gravado no Brasil, e de ter viaxado por numerosos países do mundo, emprende esta nova e ilusionante aventura xunto a Fran Pérez "Narf'.

Narf é un compositor e cantor de longo percorrido, parte do cal está ligado ao entorno do mundo lusófono. Gústalle definirse como "cancionista" e a súa obra caracterízase pola forte personalidade e a busca constante de orixinalidade. Editou catro discos, un deles con Manecas Costa, Aló Irmao e compartiu disco e xira por España co proxecto Mundo café, xunto cos músicos Jabier Muguruza e Miquel Gil. En solitario, a dúo, en trío ou con banda, presentou a súa música en festivais internacionais e todo o mundo. Ademais, foi fundador da Sala Nasa e membro de grupos como a Psicofónica de Conxo, Os Kinindiola ou Nicho Varullo. Tamén compuxo para teatro e para obras audiovisuais, acadando múltiples premios.

As entradas para o concerto teñen un prezo de 12 euros anticipada e 15 xa o mesmo día e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro principal (de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no propio Salón Teatro desde dúas horas antes de que comece o espectáculo.

Direccións relacionadas



Compartir: