EDUCACIÓN

Representada a obra de primaria gañadora do XX Certame de Teatro Intercentros

10/06/2015 Este mércores representouse no Teatro Principal a obra premiada de educación primaria do XX Certame de Teatro Intercentros, realizado pola Concellería de Educación en colaboración coa Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Santiago de Compostela. Escenificouse a obra Extraescolar, do grupo de teatro do Colexio San Jorge.

Ao remate da representación, a concelleira de Educación en funcións, Teresa Cancelo, entregou os diplomas aos centros participantes e os agasallos aos premiados nas categorías de mellor actor, mellor actriz e grupo gañador.

O Certame de Teatro Intercentros é unha proposta de dinamización da actividade teatral nos centros de ensino. Pretende que o teatro deixe de percibirse como un fenómeno illado da súa experiencia cotiá e realizado en circunstancias excepcionais para pasar a incorporarse ao contorno sociocultural do estudante.

O Certame comezou o 20 de abril e, durante unha semana, os diferentes grupos de teatro de Santiago e comarca participantes fixeron as súas representacións nos salóns de actos dos IES Arcebispo Xelmírez I e Rosalía de Castro e na Facultade de Ciencias de Educación. O propio alumnado asistente e diferentes profesionais de teatro foron os encargados de elixir as obras e os grupos gañadores das categorías de educación secundaria e educación primaria, así como o mellor actor e mellor actriz en cada categoría.

O pasado 19 de maio, tamén no Teatro Principal, representouse a obra gañadora en educación secundaria, neste caso O incidente, a cargo do grupo Vai no Dentista, do IES Xelmírez I.

Direccións relacionadas



Compartir: