CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia conseguiu un cheo absoluto no Kursaal de San Sebastián

08/06/2015 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) ofreceu un concerto este domingo no Kursaal de San Sebastián. A orquestra actuou xunto ao virtuoso pianista serbio Ivo Pogorelich, cuxas interpretacións causan sensación en todas as grandes salas de concertos do mundo: Estados Unidos, Canadá, Europa, Xapón, Sudamérica ou Israel. O encargado de levar a batuta foi o director titular da agrupación, o mestre Paul Daniel.

A orquestra conseguiu un cheo absoluto no auditorio do Kursaal, que conta cun total de 1.800 localidades. O director técnico a RFG, José María Montes, cualificou a actuación de "enorme éxito". Destaca que "foi un concerto moi agradable, cun público moi entregado; notábase no ambiente que había moita química entre o auditorio e os músicos durante a actuación e tamén ao final, momento no que a orquestra recibiu moitos bravos e aplausos".

A velada musical en Donosti comezou co Concerto para piano de Robert Schumann, que representa a obra cumio do compositor alemán. Ademais, a Real Filharmonía interpretou a Sinfonía nº 5 de Beethoven, unha das máis grandes composicións de toda a historia da música.

Peche da tempada en Santiago e Vigo
A Real Filharmonía de Galicia pechaba a súa tempada de concertos de abono en Vigo e Santiago o pasado xoves e venres respectivamente con Tapiola, de Sibelius; Hymne, de Messiaen e a Quinta Sinfonía de Beethoven. "En ámbalas cidades o público reaccionou cun grande entusiasmo, en particular tras escoitar a obra de Beethoven, que deixou un moi bo sabor de boca tanto no compostelán Auditorio de Galicia como no Teatro Afundación de Vigo, tal como o manifestaron os asistentes cos seus aplausos e ovacións", indica José María Montes.

Compartir: