CULTURA

Música, humor e teatro na programación cultural desta fin de semana

05/06/2015 Na programación cultural desta fin de semana temos catro eventos de música, humor e teatro. Na xornada do sábado serán tres deles: concerto da Banda Municipal ás 20:00 horas na praza de San Martiño Pinario; espectáculo de humor de Miguel Noguera ás 20:30 horas no Teatro Principal e función de Amor Flexible, por Redrum Teatro ás 21:00 horas no Salón Teatro. Xa o domingo poderemos ver o Pluto, de Aristófanes, dirixido por Magüí Mira e protagonizado por Javier Gurruchaga e Marisol Ayuso, entre outros. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia dentro do ciclo Teatro 2015.

Con motivo das festas do barrio de San Martiño Pinario, a Banda Municipal de Santiago ofreceranos un concerto que contará coa colaboración do solista Abe Rábade ao piano. Estarán dirixidos polo mestre Juan Miguel Romero Llopis. O concerto terá lugar este sábado 6 de xuño, ás 20:00 horas, na praza de San Martiño Pinario. O concerto é con entrada libre.

Miguel Noguera
O ciclo Falabaratos trae este sábado ao Teatro Principal, ás 20:30 horas, a Miguel Noguera, co seu Ultrashow. Di o propio Noguera sobre o seu espectáculo: "No Ultrashow explico unhas 30-40 ideas/ocorrencias/imaxes mentais ou pensamentos, un tras outro e sen importar demasiado a orde. Dura aproximadamente unha hora e dez minutos e estou só en escena. As ideas extráioas do material de anotacións e debuxos que elaboro a diario. É un espectáculo cómico aínda que as ideas non teñen porque ser cómicas en si mesmas. Tamén improviso cánticos e coméntoos despois... Para desenvolver determinadas ideas vállome de imaxes proxectadas nunha pantalla. O ton do discurso pode ser vehemente (como o dun telepredicador ou un líder totalitario), e en ocasións tornarse suave e informal (como o dun estudante adolescente). Aínda que levo anotados nun papel os títulos das ideas que quero comunicar, o Ultrashow é un monólogo con pasaxes improvisadas, dacabalo entre a conferencia e a peza teatral".

Miguel Noguera (Gran Canaria, 1979). Licenciado en Belas Artes. Dende hai dez anos leva a cabo o espectáculo Ultrashow en contextos variados (teatros, festivais e museos). En colaboración con Jonathan Millán publicou o libro Hervir un oso e, en solitario, Ultraviolencia, Ser madre hoy e Mejor que vivir. Tamén colaborou como actor nalgúns vídeos humorísticos do dúo Venga Monjas e nos filmes Extraterrestre, de Nacho Vigalondo, e Diamond flash, de Carlos Vermut; Mi loco Erasmus e Taller Capuchoc, ambos de Carlo Padial. Colaborou semanalmente no programa de Manel Fuentes en Catalunya Radio (2008-2013), e durante un curto período de tempo foi colaborador satélite do programa Buenafuente, en La Sexta.

As entradas, a 12 euros (9 euros no anfiteatro) poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com e no 902 434 443.

Amor flexible, con Redrum Teatro
O Salón Teatro acolle este sábado, ás 21:00 horas, a representación de Amor flexible, da man de Redrum Teatro. Nesta vida todos queremos algo. Tristán quere a Eva. Eva quere os cartos de Tristán. Piluca viaxar a Cabo Verde co seu noivo Bembé. E para que todos consigan o que queren, os mozos teñen que casar antes de que Tristán descubra o segredo de Eva. Para isto as mulleres urdirán un divertido plan que poderá custarlle a vida ao rapaz.

É unha comedia de rabiosa actualidade, próxima e amable, que afonda nas relacións familiares e de parella. Un reparto de luxo para un divertido espectáculo que coida con atención ata os máis mínimos detalles escenográficos, lumínicos e musicais, creados polos mellores profesionais da escena galega.

O espectáculo está dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués e pode retirarse a entrada co bono pero tamén solta. Solta ten un prezo de 10 euros e pode collerse no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas), ou no Salón Teatro dende dúas horas e media antes de que comece a función.

Pluto, de Aristófanes
O domingo ás 20:30 horas, nova entrega do ciclo Teatro 2015, desta vez no Auditorio de Galicia coa obra Pluto, de Aristófanes. Magüí Mira dirixe un elenco formado por Javier Gurruchaga, Marisol Ayuso, Marcial Álvarez, Jorge Roelas, Ana Labordeta, Santi Celaya, Toni Misó e Cayetano Fernández.

Pluto, o deus do diñeiro, canta cego polas rúas. Está triste porque non sabe a quen se dá e querería repartirse con xustiza entre a xente honesta. Os que non teñen reclámano e os que xa o teñen non o queren soltar. Pero Crémilo, un agricultor arruinado, devólvelle a vista a Pluto.

Pluto é a historia dunha utopía, do soño do reparto xusto da riqueza, do diñeiro, é dicir, de Pluto. E aí é nada, isto xa lle preocupaba a Aristófanes no século IV antes de Cristo nun país mediterráneo onde a democracia pasaba por dificultades, no que algúns cidadáns se facían escravos para poder traballar e comer. Pluto fainos reflexionar con humor ácido e satírico e invítanos á festa da utopía, unha festa onde a pobreza está erradicada e a riqueza, é dicir, Pluto, lonxe de abusos e exclusións. Atenas hai agora 25 séculos.

As entradas teñen un prezo de 24 euros. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou o propio día do evento no despacho de billetes do Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas.

Compartir: