XUNTA DE GOBERNO

Concedida a licenza para a construción do aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña

05/06/2015 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste venres, concedeu a licenza á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a construción do aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña. Estas obras teñen un orzamento de execución material de 695.202 euros e permitirán o acondicionamento de dúas zonas de dúas zonas debaixo do viaduto do ferrocarril de Cornes como estacionamento público.

A intervención nesta parcela permitirá habilitar un estacionamento con máis de 200 prazas, entre vehículos lixeiros (182) e motocicletas (26). O aparcadoiro terá dúas zonas diferenciadas, separadas pola rúa Escultor Camilo Otero, que dá acceso a ambas partes.

Levantarase un valo de seguridade ao longo de todo o viaduto do tren, como elemento de protección que evite as caídas de balastro procedentes das vías férreas sobre a zona do aparcadoiro. O sistema de drenaxe realizarase mediante unha rede de colectores con sumidoiros e pozos, a cal conectará nun punto coa rede colectora principal. Ademais instalarase unha rede de rego automática ao longo de toda a zona de verde con difusores e aspersores.

No contorno da área de aparcamento e na zona central habilitarase unha zona verde, con árbores no borde do perímetro. O proxecto inclúe, ademais, a limpeza da parada do autobús existente na rúa Romero Donallo, a colocación de bancos e de tres puntos de luz, a demolición do borde e beirarrúa existente baixo o viaduto, a modificación do lonxitude dos carrís e o aumento da beirarrúa ata os 3,5 metros.

Documentos relacionados



Compartir: