DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello celebra o Día Mundial do Medio Ambiente cunha limpeza de inertes no río Sar e con dous concursos escolares

05/06/2015 A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible en funcións, Teresa Gutiérrez, presentou en rolda de prensa as actividades que o Concello preparou con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. Logo desprazouse ata o río Sar para participar nunha limpeza de inertes.

Acompañada por Luis Incera, xerente en Santiago de Ferrovial Servizos, concesionaria do mantemento e conservación dos espazos verdes, a edil deu conta de dous concursos, dos que se informará aos colexios co obxectivo de que os alumnos e alumnas poidan iniciar a súa participación co comezo do curso escolar 2015-2016. Será un concurso de fotografía e outro de modelado en 3D.

Concurso de fotografía
No caso do concurso de fotografía, a súa temática é "Árbores urbanas, o pulmón da cidade". Está dirixido a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato dos centros educativos compostelán, que teñen ata o 31 de outubro para presentar os seus traballos.

As fotografías poderán ser tomadas con calquera dispositivo: móbil, tablet, cámara... A participación pode ser individual ou en grupo. Neste segundo suposto, os autores/as deben pertencer ao mesmo curso e grupo.

Os orixinais poderanse entregar nos propios centros educativos en soporte dixital, por correo electrónico (ilopez@ferrovial.com) ou mediante unha publicación en Twitter co hastag #DMMASantiago.

Establécense catro categorías de participación: primeiro grupo (de 1º a 3º de Primaria; segundo grupo, de 4º a 6º de Primaria; terceiro grupo, de Secundaria; e cuarto grupo, de Bacharelato. En cada grupo entregarase primeiro, segundo e terceiro premio, consistentes nun dispositivo electrónico.

Dende a organización considerase que a fotografía é unha maneira creativa de inspirar á acción na defensa medio ambiental, xa que as imaxes poden capturar de forma atractiva a imaxe da Terra e inspirar outras persoas a coidar do medio que os rodea. Ao ter que seleccionar un obxecto, o campionato estimula a creatividade e contribuirá a que os alumnos se fixen no que hai nos xardíns e volvan a vista cara eles.

Modelado en 3D
O concurso de modelado 3D empregará unha aplicación para teléfonos móbiles que se pode descargar na seguinte páxina web: http://d3mobile.es. Esta actividade pretende achegar os espazos axardinados aos escolares a través dun instrumento moi familiar: o teléfono. Trátase dun formato que resulta moi atractivo e próximo, tendo polo tanto un elevado impacto.

Este concurso vai dirixido ao alumnado de Secundaria e de Bacharelato. O obxecto do certame é facer un modelado en tres dimensións dunha castaña. A data límite de presentación dos modelados é o 31 de outubro.

Tamén neste caso se pode participar individualmente ou en grupo e os modos de entrega dos traballos son os mesmos que no concurso de fotografía.

Haberá primeiro, segundo e terceiro clasificado nas dúas categorías establecidas: Secundaria e Bacharelato. O agasallo será un dispositivo electrónico.

Limpeza do Sar
Tras a rolda de prensa, a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible en funcións, Teresa Gutiérrez, desprazouse ata as inmediacións da Colexiata do Sar para participar xunto con traballadores municipais e voluntarios na limpeza de inertes do río Sar. Actuouse sobre nun tramo de 600 metros dende Ponte do Sar en dirección ao de Belvís).

Día Mundial do Medio Ambiente
A celebración do Día Mundial do Medio Ambiente (DMMA) foi establecida pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas na Conferencia de Estocolmo de 1972, fixando como data para a súa celebración o 5 de xuño de cada ano.

Ao longo dos anos, o DMMA creceu ata converterse nunha plataforma mundial que se celebra en máis de 100 países. O lema deste ano é "Sete mil millóns de soños. Un só planeta. Consume con moderación".

Tal como explicou a concelleira, o benestar da humanidade, o medio ambiente e o funcionamento da economía depende en última instancia da xestión responsable dos recursos naturais do planeta. Pero as persoas seguen consumindo moitos máis recursos naturais dos que o Planeta pode proporcionar de forma sostible.

Para o 2.050, se continúan as actuais pautas do consumo, e cunha poboación mundial que medre e que se agarda que alcance os 9,6 mil millóns, estímase que se precisarían tres Planetas para manter os nosos actuais modos de vida e consumo.

A actividade do Día Mundial do Medio Ambiente en Santiago de Compostela é unha oportunidade de que todos nos demos conta da responsabilidade para coidar a Terra e converternos en axentes de cambio. Coa celebración deste día, Santiago unirase a unha acción global do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), quedando rexistrada na páxina web do devandito programa: www.unep.org/spanish/wed.

Documentos relacionados



Compartir: