CULTURA

Redrum Teatro presenta "Amor flexible" dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués

04/06/2015 Os composteláns Redrum Teatro presentan a comedia Amor flexible dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Será este venres, ás 21:00 horas, no Salón Teatro e de novo con función o sábado á mesma hora. As entradas, ademais de co Bono, poden retirarse soas a un prezo de 10 euros. Os lugares de venta son o despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), así coma o Salón Teatro os días de función dende dúas horas e media antes de que comece.

Nesta vida todos queremos algo. Tristán quere a Eva. Eva quere os cartos de Tristán. Piluca viaxar a Cabo Verde co seu noivo Bembé. E para que todos consigan o que queren, os mozos teñen que casar antes de que Tristán descubra o segredo de Eva. Para isto as mulleres urdirán un divertido plan que poderá custarlle a vida ao rapaz.

É unha comedia de rabiosa actualidade, próxima e amable, que afonda nas relacións familiares e de parella. Coa escusa dos sete pecados capitais como eixe da estrutura falamos da idealización do amor. Da crise, e como esta afecta aos novos modelos familiares onde as nais teñen que ir vivir cos fillos. Da vida a partir dos sesenta anos e das segundas oportunidades. Dos que non se renden. Dos que buscan a felicidade. Falamos da muller galega loitadora, que vai na procura dos seus soños por lonxe que estes se atopen. Da maternidade. Do desexo de ser nai e da dificultade de educar aos fillos. E todo isto dende a óptica que mellor se achega ao público, o humor.

Redrum Teatro conta neste proxecto coa colaboración dunha das mellores e máis queridas actrices do panorama galego, Mela Casal. Unha muller cunha carreira chea de éxitos e personaxes inesquecibles. Dende a alcaldesa de Portozas de Mareas vivas a viúva de A vida por diante. Completan o reparto os que foron os dous nenos prodixio da TVG. Guillermo Carbajo, o rapaz de Pratos combinados e Tamara Canosa, a cativa de Mareas vivas.

Un reparto de luxo para un divertido espectáculo que coida con atención ata os máis mínimos detalles estenográficos, lumínicos e musicais, creados polos mellores profesionais da escena galega. Á fronte, Alex Sampayo, un director e realizador coñecido principalmente no sector audiovisual, no que leva traballando máis dunha década.

Compartir: