CULTURA

Fred Martins presenta en Compostela o seu último traballo dentro do ciclo Sons’15

04/06/2015 O cantante e compositor brasileiro Fred Martins presenta este venres o seu último traballo, Para além do muro do meu quintal, dentro do ciclo Sons’15. Será ás 21:00 horas no Teatro Principal e as entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com e no 902 434 443. O prezo é de 8 euros anticipada, 10 euros o día do concerto e 20 euros a entrada + CD.

Un dos versos do poema "Noite de San João de Alberto Caeiro" (Fernando Pessoa), musicado por Fred Martins, dá nome ao primeiro disco gravado en Europa (Lisboa) polo cantante e compositor brasileiro, un talento activo en importantes festivais internacionais e recoñecido con galardóns como o 9º Premio VISA de Música Brasileira ao mellor compositor. Nun estilo persoal e poético, orixinal e contemporáneo, as cancións de Fred Martins dialogan coa bossa, a samba e o nordeste modal brasileiro, captando elementos do blues e do rock, nun tratamento de cámara e predominantemente acústico ou electroacústico.

Dialogan coa bossa de João Gilberto, a samba de Paulinho da Viola, Nelson Cavaquinho e Cartola, incluíndo o nordeste modal brasileiro e tamén elementos de blues e rock. Seguindo a liñaxe de autores como Noel Rosa, Vinícius de Moraes e Chico Buarque, a poesía traspasa como un todo o traballo do autor e intensifica aquí a súa presenza, non só na xa citada canción-poema de Fernando Persoa, como no espazo común cos poetas Marcelo Diniz ("Á présa a vida pasa"), Manoel Gomes ("Poema vello"), Fred Girauta ("Meu silencio"), Roberto Bozzeti (Terras do sen fin) e Alexandre Lemos ("Novamente").

Tendo como fío condutor a voz e a guitarra de Fred Martins, as cancións reciben tratamento camerístico e predominantemente acústico ou eletroacústico (con filtragem sonora, teclados vintage e piano minimal de Paulo Borges), onde o violoncelo de Sergio Menem gaña destaque entre as percusións de Márcio Bahia, Alexandre Frazão e João Ferreira e a sonoridade árabe é acentuada polo uso do cumbus, instrumento de cordas de orixe turca.

Participan especialmente neste álbum a cantante cabo-verdiana Nancy Vieira, en "O samba me diz", e o guarani paulistano Renato Braz, en "Terras do sen fin", canción que aborda o imaxinario amazónico brasileiro. Tamén actúan neste disco os músicos Bony Godoy (contrabaixo), Marcelo Martins (frautas) e Pedro Pascual (acordeón diatónico). Ademais, "Para além do muro…" conta coa produción musical do pianista e arranxador Paulo Borges. O proxecto gráfico do CD está a cargo do premiado artista Pablo Giraldez, o Pastor.

Compartir: