CULTURA

A exposición "Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns" atrasa a clausura ata o 14 de xuño

04/06/2015 A exposición Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns, grazas á cal podemos ver no Auditorio de Galicia a obra en papel e cartón do recoñecido artista, atrasa a súa clausura ata o domingo 14 de xuño. Estamos polo tanto ante os últimos días para gozar da obra de Nóvoa e constatar a relevancia que na súa produción ten o gravado nas súas diferentes técnicas.

A mostra Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns inaugurouse o pasado 19 de febreiro e durante estes meses diversos colectivos sumáronse á oferta de visitas guiadas e talleres que o Auditorio de Galicia ofreceu –en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC)– para as prácticas de Grao e de Máster.

Centros de ensino públicos e privados, alumnos da facultade de Xeografía e Historia da Arte, centros de educación especial, pacientes do Hospital Psiquiátrico de Conxo e outros colectivos recorreron a exposición e participaron nos talleres.

A mostra permanecerá aberta ata o domingo 14 de xuño todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Mercedes Rozas, a comisaria, propón un percorrido por máis de 50 obras en papel e cartón (probas de autor, gravados, pochoirs, técnicas mixtas sobre papel etc..), moitas delas inéditas. A cita complétase con poemas de Catherine Topall, escritos para o libro Temps de soufre, ilustrado polo propio Leopoldo. De igual xeito, un poema do propio artista, escrito a modo de despedida e atopado recentemente por Susana Carlson nun libro en Armenteira, inicia o percorrido expositivo.

Compartir: