TURISMO

Turismo promociona a cidade en Francia

04/06/2015 Turismo de Santiago promociona esta semana a cidade directamente no mercado francés con dúas accións complementarias dedicadas a diferentes tipos de públicos. Por unha banda, o Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), servizo da entidade municipal de promoción turística, participa nun Workshop dirixido aos profesionais do sector de xornadas, congresos e incentivos. Por outra, toma parte no I Festival Europeo de Turismo e Estratexia.

O Workshop, organizado pola Oficina Española de París, permitirá que o SCCB poda manter reunións con axencias de viaxes, organizadores de congresos, axencias de incentivos, empresas e profesionais do sector francés para presentarlles a cidade como destino idóneo para a celebración de encontros profesionais, tanto pola calidade da súa oferta turística e de servizos, como polo atractivo e prestixio que Santiago de Compostela ten en Francia, país cunha tradición peregrina que se remonta séculos atrás e que conta tamén cunha importante rede de Camiños de Santiago que cruza o seu territorio.

Por outra banda, Turismo de Santiago tamén participa nesta semana no I Festival Europeo de Turismo e Estratexia, que se celebra na cidade de Rueil Malmaison, próxima a París. O Festival consta de varias seccións, como un Forum Europeo do Turismo, unha Feira e unha axenda establecida de reunións que permitirá que Santiago se reúna con empresas e profesionais interesados na cidade.

O francés é un mercado prioritario para Turismo de Santiago. Nos últimos anos, os turistas franceses xeraron arredor de 30.000 pernoctacións anuais. Segundo o último dato dispoñible no INE, no ano 2013 alcanzáronse as 32.348 pernoctacións, a cifra más alta da serie histórica. A falta de coñecer o dato de 2014, que o INE publicará proximamente, a previsión é que no ano pasado se superou esta cifra.

Neste ano 2015, a conexión directa entre o aeroporto de Santiago e París, que en anos pasados operaba na temporada de verán, converterase en anual grazas á implantación dunha nova base de Vueling no aeroporto. Esta mellora da conectividade permitirá que neste ano poida conseguirse un novo récord de turistas franceses, alcanzando por primeira vez ás 40.000 pernoctacións deste mercado na cidade.

Compartir: