CONSORCIO

A Real Filharmonía pecha a súa tempada de concertos coa Quinta Sinfonía de Beethoven

04/06/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos, cos que pecha a súa tempada de abono. Esta tarde actuará en Vigo, no Teatro Afundación, ás 20:30 horas. E mañá venres tocará en Santiago, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. En ámbalas citas levará a batuta o director titular da agrupación, Paul Daniel. A primeira e a última obra do concerto de Santiago retransmitirase en directo por streaming a través da páxina web da RFG: www.rfgalicia.org.

As dúas actuacións comezarán con Tapiola, do compositor finlandés do século XX Jean Sibelius (1865-1957). É o seu último gran poema sinfónico, escrito en 1926 para a Sociedade Filharmónica de Nova York. O seu título deriva de Tapia, o deus mitolóxico dos bosques dun poema épico nacional finlandés. Nesta obra evoca o poder, o misterio e as máxicas calidades daqueles inmensos bosques.

A continuación, os músicos achegarán ao público a obra Hymne, do francés Olivier Messiaen (1908-1992). Composta en 1932 e perdida durante a Segunda Guerra Mundial, o autor tivo que reescribila de memoria 15 anos despois. Co título orixinal de Himno ao Santo Sacramento, que logo abreviou, o compositor cría literalmente nas descricións bíblicas de milagres e revelacións que se atopan na Biblia.

A Quinta de Beethoven
A Real Filharmonía de Galicia porá o broche final á súa temada de abono coa Sinfonía nº 5 do xenial Beethoven (1770-1827), unha marabillosa composición, cun clímax que medra sen cesar. É sen dúbida un dos referentes máis transcendentais e influentes, unha das composicións máis populares e interpretadas de toda a historia da música.

Esta sinfonía, e en particular o distintivo motivo co que comeza, son coñecidísimos mundialmente, aparecendo con frecuencia na cultura popular, con novas interpretacións como a música disco, o rock and roll e tamén con aparicións en películas e series de televisión.

Cando Beethoven a compuxo xa estaba chegando aos 40 anos, a súa vida persoal estaba marcada pola angustia que lle causaba o aumento de súa xordeira. Pese a estas circunstancias, entrara xa nun imparable proceso de furia creativa. Curiosamente, a súa estrea non tivo unha boa acollida, xa que se produciu en condicións adversas: a orquestra non tocou ben, só realizara un ensaio antes do concerto e, nunha das partes, debido ao erro dun dos músicos, Beethoven tivo que deter a execución e comezar de novo.

Charla previa con Paul Daniel
Antes da celebración do concerto do venres en Santiago, o director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Paul Daniel é ademais o responsable da di¬rección musical da Orquestra Na-cional de Burdeos e o principal director e conselleiro artístico da West Australian Symphony Orchestra de Perth. Foi director musical da English National Opera e das óperas Factory e North. Foi direc¬tor invitado das máis destacadas orquestras do mundo. A súa gravación da Sinfonía nº 3 de Elgar e Payne, coa Bournemouth Symphony Orchestra, foi un dos discos de música clásica más vendi¬dos no ano 2000. Entre os premios que recibiu ao longo da súa carreira destaca un Olivier pola súa achega á ópera e un Gramophone pola súa serie sobre música inglesa gravada co selo Naxos. Nos New Year’s Honours de 2000 foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico.

Compartir: